O titular da Xunta salienta que “Galicia sufriu graves consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas” pola navegación dun barco en malas condicións, e reclama que a clasificadora, a armadora e a aseguradora asuman a responsabilidade de indemnización

Feijóo anuncia que a Xunta presentará un recurso de casación contra a sentenza do Prestige co obxectivo de que se converta “nunha reparación dos danos provocados á sociedade galega”

Resalta que o recurso dará forma xurídica á decepción política da Xunta ante a falta de responsabilidade económica derivada da sentenza

Lembra os prexuízos ambientais que sufriu Galicia e os gastos nos que incorreu a consecuencia deles e subliña que o responsable debe reparar o dano causado

Informa de que, logo de valorar a sentenza en coordinación coa Avogacía do Estado e a Fiscalía Xeral, o Goberno galego acordou presentar un recurso propio en contra da absolución do capitán do barco polos delitos ambientais dos que era acusado

Santiago, 21 de novembro de 2013
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Goberno galego presentará ante o Tribunal Supremo un recurso de casación contra a sentenza do Prestige coa pretensión de que se converta “nunha sentencia de reparación dos danos provocados á sociedade galega”. Trátase, sinalou, de buscar “a maior protección dos intereses dos galegos e da defensa do medio ambiente galego”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o mandatario autonómico sinalou que a decisión de presentar o recurso foi adoptada logo de que a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta avaliase ao longo da última semana “se existían argumentos xurídicos sólidos que nos permitisen defender a nosa opinión no ámbito xudicial”. A ese respecto, sinalou que o recurso dará forma xurídica á “decepción política” da Xunta ante “a falta de responsabilidade xurídica derivada da sentenza” que ditou a Audiencia Provincial da Coruña.

Feijóo salientou que “Galicia sufriu graves consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas por mor de que se deixase navegar a un barco ao que nunca se lle debeu deixar navegar”, polo que considerou que “a clasificadora, a aseguradora e a armadora non poden quedar impunes”, senón que deben asumir a responsabilidade de indemnización.

Na súa comparecencia, o titular da Xunta lembrou os prexuízos ambientais que sufriu Galicia co accidente do petroleiro e os danos nos que incorreu como consecuencia deles, e insistiu en que debe haber “un responsable e o que dane o noso medio, como ocorreu co Prestige, debe reparar o dano que causou”.

O presidente autonómico sinalou que a Asesoría Xurídica avaliou a sentenza en coordinación coa Avogacía do Estado e a Fiscalía Xeral e, ante as posibilidades de realizar unha adhesión ao recurso anunciado polo Goberno central ou de presentar un recurso propio, o Executivo galego optou pola segunda. Así, hoxe o Consello da Xunta decidiu encomendarlle á Asesoría Xurídica Xeral cumprir co requisito obrigado de anunciar a presentación do recurso de casación, que se dirixirá contra a absolución do capitán do barco polos delitos contra o ambiente dos que estaba acusado. “Pretendemos –apuntou- que o capitán e, no seu caso, a aseguradora da que depende o capitán, teña unha responsabilidade patrimonial e unha responsabilidade indemnizatoria dos danos”.

 

Imaxes relacionadas