O presidente da Xunta avanzou hoxe no Parlamento que o acordo que aprobe o Goberno galego remitirase á SEPI e á dirección de Navantia

O Consello da Xunta definirá mañá as propostas de futuro para os estaleiros públicos de Ferrolterra co obxectivo de que sexan incluídas no plan estratéxico para Navantia

O Goberno galego proporá facer un balance diferenciado para saber realmente onde está o problema dos estaleiros públicos e coñecer cales son eficientes e cales o son menos

Feijóo incide na necesidade de distinguir a construción militar e a construción civil en Fene e en Ferrol; e propón afondar nas reparacións

O presidente autonómico destaca tamén a valoración positiva dos traballadores do naval despois de coñecerse a entrada de capital de Pemex no estaleiro vigués Barreras

No tocante á sentenza do Prestige, Feijóo lembra que a Xunta foi o primeiro goberno que anunciou un recurso de casación contra a sentenza

Sobre o futuro de NGB, o titular da Xunta incide en que o Goberno galego seguirá a traballar por unha entidade solvente: que dea crédito ás familias e ás empresas; que teña un compromiso coa obra social de Galicia; que manteña os servizos centrais na comunidade; e que manteña a maior parte do emprego en Galicia
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 27 novembro de 2013.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe no Parlamento, que o Consello da Xunta definirá mañá as propostas de futuro para os estaleiros públicos de Ferolterra co obxectivo de que sexan incluídas no plan estratéxico para Navantia.

En resposta a unha pregunta de AGE, Feijóo subliñou que o acordo que aprobe a Xunta remitirase á SEPI e á dirección de Navantia e contará con tres propostas. A primeira delas, facer un balance diferenciado para saber realmente onde está o problema dos estaleiros públicos; “un balance específico que permita concretar os ingresos e os gastos de Ferrol, os de Cartaxena e os de Cádiz para saber así que estaleiros son eficientes e cales o son menos”.

Logo de precisar que a segunda proposta incidirá na necesidade de distinguir a construción militar e a construción civil en Fene e en Ferrol, “vertente militar en Ferrol e a civil para facer eólica mariña, buques off-shore ou calquera outra estrutura metálica en Fene”; Feijóo subliñou como terceiro punto afondar nas reparacións. Sobre este último aspecto, afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para que a Unión Europea acepte facer un dique flotante en Ferrol, “porque nós –dixo- non cambiamos, ou carga de traballo ou dique; nunca cambiamos de opinión cando se trata de defender os estaleiros de Ferrol”.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou tamén a valoración positiva dos traballadores do naval despois de coñecerse a entrada de capital da empresa Pemex, a cuarta petroleira do mundo, no estaleiro vigués Barreras.

No que atinxe á pregunta do Bloque Nacionalista Galego sobre a sentenza do Prestige, o presidente autonómico lembrou que a Xunta foi o primeiro goberno que anunciou un recurso de casación contra a sentenza. “Os verdadeiros culpables non estaban no banquillo dos acusados: nin a armadora, nin a aseguradora nin a clasificadora. O capitán non foi condenado por delito medioambiental, e entendemos que debería selo. E entendemos, tamén, que o lóxico é que se indemnicen os gastos en que incorreu o Estado español, a Xunta ou calquera outra administración”, aseverou.

Diante deste panorama, o titular da Xunta pediu ao BNG que non se equivoque de inimigo e lembrou que desde a catástrofe do Prestige, Galicia conta con dous buques anticontaminación, cun convenio de colaboración coa Axencia Europea de Seguridade Marítima e cunha nave loxística de almacenamento de materiais para a loita contra a contaminación.

Por último, e en relación á pregunta do PSdeG sobre o futuro de Novagalicia Banco, Feijóo reiterou que o Goberno galego seguirá a traballar por unha entidade solvente: que dea crédito ás familias e ás empresas galegas; que teña un compromiso coa obra social de Galicia; que manteña os servizos centrais na comunidade; e que manteña a maior parte do emprego en Galicia.


 

Imaxes relacionadas