Uns 1.000 desempregados do sector do metal beneficiáronse dos programas de formación e do proxecto Empreganav da Xunta

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na clausura das xornadas sobre o Dereito do Traballo e a Seguridade Social organizadas por ASIME

Adiantou que en 2014 o ISSGA vai elaborar o primeiro estudo completo dos riscos ergonómicos no sector da automoción

Abordou tamén a evolución da negociación colectiva, que ten repuntado nos últimos meses, xa que de xaneiro a outubro asináronse máis convenios que en todo 2012
 

Vigo, 12 de decembro de 2013.- Preto de 1.000 persoas desempregadas do sector do metal beneficiáronse este ano dos programas de formación e do proxecto Empreganav postos en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar.

Así o sinalou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a clausura das novenas xornadas sobre o Dereito do Traballo e a Seguridade Social, organizadas por ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia).

Na súa intervención, fixo fincapé en que o departamento vai “seguir apoiando” a este sector, que é o que achega maior porcentaxe ao PIB galego (un 20 por cento) e dá traballo a 50.000 galegos e galegas, a través de tres grandes áreas: automoción, naval e construción metálica.

Ao respecto, lembrou iniciativas como Empreganav, que se está a desenvolver desde finais de 2012, e que ten como obxectivo apoiar a 400 traballadores do sector que perderon o seu emprego por culpa da crise. Ata agora, conseguiu acadar a inserción consolidada de 129 persoas.

A maiores, o departamento puxo en marcha este ano actividades de formación para mellorar a preparación dos profesionais do metal. En concreto, financiáronse 39 cursos en distintas especialidades, que chegaron a 565 beneficiarios, cun investimento de 3 millóns de euros.

Ademais, Mato adiantou que en 2014 o ISSGA vai elaborar o primeiro estudo completo dos riscos ergonómicos no sector da automoción, co obxectivo de previr a aparición de trastornos músculo-esqueléticos.

No transcurso da súa participación nas xornadas, a conselleira abordou outros temas, como a negociación colectiva. Neste sentido, avanzou que nos últimos meses tense producido un repunte da mesma, “como demostra que de xaneiro a outubro en Galicia asináranse 126 convenios, máis dos que se acordaron en todo o 2012 ou 2011”.

Na mesma área puxo tamén en valor a recente sinatura, en novembro, do novo convenio do metal da provincia de Pontevedra, que se acadou a través dun proceso “baseado no consenso” e que vai permitir amparar a máis de 32.000 traballadores.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Política Social