Traballo apoia ao naval galego a través de liñas de colaboración para a mellora da seguridade laboral, o incremento da empregabilidade e o fomento da reinserción

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe un encontro coa directiva de ASIME

Ademais, entre 2009 e 2013 a Consellería financiou con preto de 10 millóns de euros as accións formativas do sector do metal contaron con 4.500 beneficiarios

Mato indicou que o bo funcionamento do servizo de prevención mancomunado do sector demóstrase nas redución das cifras de sinistralidade que, no período 2009-2013, baixou nun 50% en termos absolutos

O programa Empreganav, nacido nas mesas do diálogo social, logrou ata o momento a reinserción de máis do 40% dos participantes
 

A Coruña, 25 de febreiro de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar apoia ao sector naval galego a través de distintas liñas de colaboración para a mellora da saúde e seguridade laboral, o incremento da preparación e da empregabilidade dos seus traballadores ou fomentando a reinserción dos profesionais desempregados.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe un encontro coa directiva de ASIME no que resaltou a importancia de que esta asociación coopere co departamento autonómico nestes tres eixos relativos a un sector, o metalúrxico, que representa o 20% do PIB de Galicia, conta con 3.600 empresas e emprega a preto de 57.000 traballadores.

Na súa intervención, Mato lembrou que a Xunta se ten volcado co sector do metal, como demostra a alianza estratéxica con PEMEX que reportará a Galicia 600 millóns de euros e garante carga de traballo durante 24 meses para Navantia e Barreras, o que supón a reactivación do naval galego.

Desde a Consellería de Traballo e Benestar o apoio ao sector céntrase en tres áreas: prevención de riscos laborais, formación, e na recuperación do emprego perdido no sector, a través do programa Empreganav.

No referente á prevención de riscos, o departamento autonómico colabora con ASIME desde hai máis de 10 anos no funcionamento do Servizo de prevención mancomunado do sector, un órgano propio que garante a calidade e a coordinación na prevención de riscos e na seguridade de todas as empresas mancomunadas.

Desde o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) apoiase a este servizo ofrecendo seguimento, control, información, formación e mediación. Mato indicou que o bo funcionamento do servizo demóstrase nas redución das cifras de sinistralidade. No período 2009-2013 diminuíu nun 50% en termos absolutos.

No eido da formación, entre 2009 e 2013 a Consellería financiou con preto de 10 millóns de euros as accións formativas co sector do metal desenvoltas por Asime e Formega. En total dita inversión permitiu apoiar 339 cursos que contaron con 4.500 beneficiarios.

Por último, outro dos obxectivos da Xunta é recuperar o emprego perdido no sector nos últimos anos. Neste sentido, o programa Empreganav, nacido nas mesas do diálogo social, dirixiuse á reinserción laboral das persoas desempregadas do metal, promovendo tanto a reciclaxe profesional como o espírito emprendedor. O mesmo contou con mais de 450 beneficiarios e logrou, ata o momento, a reinserción de máis do 40% dos participantes.

 

Imaxes relacionadas