Agustín Hernández preside a décimo oitava reunión desta comisión desde 2009
Conservas Dardo, en Vilanova de Arousa; Cogal, en Rodeiro; Iberglass, en Lalín; Connorsa en Vilaboa ou Aluminios Cortizo, en Padrón recibiron autorización para garantir a súa continuidade
Nestas 18 comisións celebradas tratáronse un total de 8 PXOM, que benefician a uns 80.000 cidadáns, para autorizar algún aspecto como paso previo á súa aprobación definitiva
Hernández puxo de relevo que nesta etapa emitíronse un total de 12 informes para o recoñecemento de núcleos rurais, como o modelo de asentamento poboacional da nosa comunidade, no planeamento municipal
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presidiu hoxe a décimo oitava reunión da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia nos case cinco anos do actual Goberno.
O conselleiro puxo de manifesto a eficacia e axilidade do traballo realizado no seo do órgano colexiado de carácter consultivo de maior rango en materia urbanística, no ámbito territorial da nosa Comunidade Autónoma, destacando que nestes cinco anos de Goberno a comisión informou un total de 300 expedientes.
Pola súa importancia para a consolidación do emprego e para a competitividade de Galicia destacan os 15 informes previos á aprobación definitiva das modificacións puntuais para posibilitar o recoñecemento, a ampliación ou a nova implantación de actividades empresarias que beneficiaron directamente aos Polígonos das Gándaras e A Granxa, no Porriño; Porto do Molle en Nigrán; Lalín 2000; Polígono Pena Porreira, nas Pontes; parque empresarial Matela en Outeiro de Rei, ou mesmo o recinto feiral da Coruña.
Neste eido da consolidación da actividade empresarial destaca tamén a regularización de enclaves industriais xurdidos á marxe do planeamento e que grazas á xestión urbanística poden continuar a súa actividade. É o caso de Conservas Dardo, en Vilanova de Arousa; Cogal, en Rodeiro; Iberglass, en Lalín; Connorsa en Vilaboa ou Aluminios Cortizo, en Padrón.
Por último, dentro das modificacións puntuais aprobadas para facilitar a actividade empresarial destacan os informes para a implantación do Polígono Catasós de Lalín ou o de Freixeiro-Deiro, en Vilanova de Arousa.
Por outra banda, o conselleiro destacou que nestas 18 comisións superiores celebradas tratáronse un total de 8 plans xerais de ordenación municipal como paso previo á súa aprobación definitiva:
-Muros, Outes e Dodro, informados en 2010.
-Marín e Camariñas, informados en 2012.
-Burela, informado en 2013.
-Pontedeume e Porto do Son, que foron informados na reunión de hoxe.
A aprobación destes planeamentos suporá unha garantía e un beneficio para os preto de 80.000 cidadáns que viven nestes concellos.
Hernández destacou o papel da comisión como peza clave na ordenación do territorio de Galicia e puxo de relevo que nesta etapa emitíronse un total de 12 informes tamén para o recoñecemento de núcleos rurais, como o modelo de asentamento poboacional da nosa comunidade, no planeamento dos concellos de: A Rúa, Avión, Carballeda de Avia, Maside, Pereiro de Aguiar, San Sadurniño, Taboadela, Toén e Vilamarín.
O conselleiro destacou que o traballo desenvolvido nestes anos pola comisión se insire dentro da política de axilización e eficacia da xestión urbanística da Xunta e que dará un paso fundamental ao longo desta lexislatura coa aprobación da nova Lei do Solo.