Cada unha das camas das habitacións están dotadas cun cabeceiro sobre o que se sostén un equipo multimedia individual tanto para o persoal sanitario, que poderá acceder á historia clínica do paciente, consultar a información e introducir datos clínicos; así como para os pacientes, que o usarán para ver a tv., correo electrónico ou navegación por internet
Vídeo coas declaracións da conselleira
Tal e como se sinalou na visita, as habitacións teñen unha superficie de 27 metros cadrados, e todas contan con baño adaptado a persoas con discapacidade física
A conselleira remarcou a boa evolución das obras, nas que están a traballar ao redor de 1.100 persoas ao día
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, visitou hoxe a á de hospitalización do Hospital Metropolitano Álvaro Cunqueiro, e outras dependencias deste centro da rede sanitaria pública galega. En concreto, visitou dúas habitacións piloto así como o bloque técnico, -zona de Radioloxía, servizo de urxencias pediátricas, así como as urxencias obstétricas e os quirófanos-.
Tal e como se sinalou na visita, as habitacións teñen unha superficie de 27 metros cadrados, con fiestra ao exterior de aproximadamente tres metros cadrados. Todas contan con baño adaptado a persoas con discapacidade física. Asemade, cada unha das camas das habitacións están dotadas cun cabeceiro sobre o que se sostén un equipo multimedia individual, tanto para o persoal sanitario -que poderá acceder á historia clínica do paciente, consultar a información e introducir datos clínicos-, así como para os pacientes, que o usaran para ver a tv., correo electrónico, navegación por internet, etc.
A titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo, tamén, que proximamente licitarase o mobiliario clínico para a súa dotación funcional. Ademais, nas habitacións contarase tamén cun sofá-cama para que os acompañantes do paciente poidan descansar en condicións de confort.
Evolución da obra
Respecto da evolución da obra, a conselleira dixo que, a pesar das dificultades meteorolóxicas deste últimos meses, as fachadas das velas de hospitalización están practicamente completadas, cos paneis de pintura policromática, e só resta a pizarra que cubrirá a fachada do bloque ambulatorio.
Asemade, iniciouse a urbanización dos viais que rodean o hospital, en concreto a estrada que, dende a ponte da zona norte da parcela, dará servizo ás consultas externas, gabinetes de exploración, hospitais de día e diálise. Igualmente, avanzouse na tabicación do bloque técnico e hospitalización, ao estar xa divididas todas as habitacións e instalados os seus correspondentes cuartos de baño. Xunto o anterior, no bloque técnico tamén empezouse a traballar na canalización das instalacións (electricidade, cableado informático, climatización, saneamento, auga, gases, etc).
Respecto das acometidas, Rocío Mosquera remarcou que xa está realizado o proxecto das mesmas e nos vindeiros días sairá publicado no Diario Oficial de Galicia o concurso para a licitación da obra de execución das mesmas.
A conselleira remarcou a boa evolución das obras, nas que están a traballar ao redor de 1.100 persoas ao día.