A ferramenta electrónica “Sophos” permitirá medir toda a actividade científica do Servizo Galego de Saúde

Tal e como destacou a conselleira de Sanidade, Sophos vai ser un bo instrumento para a planificación, seguimento e avaliación da investigación

O número de artigos publicados por profesionais da sanidade pública galega foi de 1.289 en 2011 e de 1.435 en 2012
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2014.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, inaugurou hoxe, na sede da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), unha xornada na que se analizará a actividade científica do Servizo Galego de Saúde. Neste foro, a conselleira resaltou que a Biblioteca virtual do sistema público de saúde de Galicia (Bibliosaúde), en colaboración coa Subdirección de Investigación, Docencia e Innovación do Servizo Galego de Saúde, vén de desenvolver unha ferramenta electrónica denominada Sophos, que servirá, cando entre en funcionamento, para medir a actividade científica de todos os investigadores da Consellería de Sanidade e do Sergas.

Segundo Rocío Mosquera, Sophos será moi útil tanto para o persoal investigador como para o xestor sanitario. Así, ao persoal investigador lle permitirá coñecer a súa actividade, en qué revistas se publica, as redes de colaboración, así como saber os indicadores que miden a calidade e, deste xeito, poder realizar unha autoavaliación. Pola súa banda, para os xestores será un bo instrumento de planificación, seguimento e avaliación da investigación, permitindo a identificación de grupos de excelencia, o análise da colaboración e a detección de áreas fortes e aquelas que hai que reforzar no sistema investigador de ciencias da saúde na nosa Comunidade.

Tal e como remarcou a conselleira, no caso do sistema sanitario público de Galicia, a investigación, o desenvolvemento e a innovación se atopan integradas na estratexia de xestión do coñecemento, un dos eixos da Consellería de Sanidade e do Sergas. Nós tamén necesitamos a introdución de políticas de avaliación asociadas á investigación como peza fundamental da súa xestión, -dixo Rocío Mosquera-, quen subliñou, tamén, que é o momento de contar con fontes de información sobre a actividade científica o suficientemente fiables, veraces e normalizadas para a posterior elaboración de indicadores.

Sinalar, así mesmo, que o número de artigos publicados por profesionais da sanidade pública galega foi de 1.289 en 2011 e de 1.435 en 2012, estando actualmente en avaliación a actividade neste campo referida ao 2013.

Relatores
Entre os relatores da xornada que hoxe inaugurou a conselleira están a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Sonia Martínez, quen falará da I+D+i biomédica en Galicia; Francisca Abad, catedrática de Medicina da Facultade de Medicina de Valencia, que abordará a contribución dos estudos métricos á xestión da investigación; e María Sobrido, responsable de Sophos, que exporá a análise da produción científica do Sergas.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade