Xunta de Galicia

A Conselleira de Facenda advirte de que o avellentamento e a dispersión provocan que Galicia teña cada ano un sobrecusto en gasto sanitario de 500 millóns de euros máis que a media

Elena Muñoz Fonteriz participou hoxe na apertura das xornadas ‘A nova reforma do financiamento autonómico: análises e propostas’, organizadas por Funcas

Na súa intervención, explicou que o Goberno galego pedirá unha maior ponderación destes factores diferenciais, xa que encarecen o custo da prestación dos servizos fundamentais

Recordou que o modelo aprobado en 2009 non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos, e demandou que na revisión do actual modelo se teña en conta o custe real en cada territorio

“O diferencial de custos que entraña en Galicia a prestación dos servizos non está correctamente reflectido e pon en serio perigo a sustentabilidade das súas prestacións básicas”, sinalou

Galicia supera xa nun punto a proxección do INE de poboación maior de 65 anos en España para 2023, e o transporte escolar é case catro veces máis caro que a media
 

Vídeo 1
  • Elena Muñoz Fonteriz participou hoxe na apertura das xornadas ‘A nova reforma do financiamento autonómico: análises e propostas’, organizadas por Funcas
    Autor: Ana Varela
  • Elena Muñoz Fonteriz participou hoxe na apertura das xornadas ‘A nova reforma do financiamento autonómico: análises e propostas’, organizadas por Funcas
    Autor: Ana Varela
  • Elena Muñoz Fonteriz participou hoxe na apertura das xornadas ‘A nova reforma do financiamento autonómico: análises e propostas’, organizadas por Funcas
    Autor: Ana Varela

Santiago, 22 de maio de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, advertiu hoxe de que o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica provocan que Galicia teña cada ano un custo a maiores en gasto sanitario de preto de 500 millóns de euros máis que a media de comunidades, polo que demandou que na revisión do actual modelo de financiamento autonómica teñan máis peso estes “factores diferenciais”.

A titular de Facenda participou hoxe en Santiago na apertura das xornadas sobre ‘A nova reforma do financiamento autonómica: análises e propostas’, organizadas pola Fundación de las Cajas de Ahorros (Funcas) e nas que diferentes expertos abordan esta cuestión co obxectivo de examinar o actual modelo e propoñer opcións de mellora.

Na súa intervención, sinalou que o actual sistema de financiamento autonómico, aprobado en 2009, non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos que prestan as comunidades, e recordou que Galicia defende que se teña en conta o custe real da prestación destes servizos no momento en que se produza a revisión do modelo vixente.

Ademais, recalcou que estes desequilibrios acentúanse en Galicia por “factores diferenciais” coma o avellentamento da poboación ou a dispersión xeográfica, que encarecen o custo dos servizos básicos. “O diferencial de custos que entraña en Galicia a prestación de servizos públicos fundamentais non está correctamente reflectido, e pon en serio perigo a sustentabilidade das súas prestacións básicas”, advertiu.

Por exemplo, recordou que na actualidade o 23,1% da poboación galega supera os 65 anos, un punto máis da proxección que realizou o INE para o conxunto de España para o ano 2023. “Resulta evidente que o custo medio anual sanitario en Galicia xa se sitúa claramente por riba do que corresponde ao conxunto de España, así como que o seu financiamento resulta insuficiente”, explicou.

Tamén detallou que en Galicia un facultativo de atención primaria presta servizo por termo medio a máis de 15 entidades singulares, mentres que en España a media sitúase en dous; que Galicia conta co 8% dos centros escolares do Estado, máis de dous puntos por riba da porcentaxe que representa no total o alumnado; e que o custo do transporte escolar na Comunidade galega é practicamente catro veces máis caro que a media de España, chegando nalgúns casos ata un coste de 4.277 euros por alumno.

Por todo isto, Elena Muñoz Fonteriz explicou que o modelo de financiamento autonómico vixente non respondeu ás finalidades nin ás expectativas manifestadas cando foi aprobado en 2009. En concreto, insistiu en que non cumpriu co seu principio de suficiencia e non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos que prestan as comunidades, nas que a sanidade e a educación representan o 68% do seu gasto.

A conselleira tamén fixo fincapé en que a configuración do modelo non foi acertada, posto que os ingresos que proporcionou ás comunidades “mostran claros signos de retroceso” que orixinaron notables aumentos do déficit e do endebedamento das administracións autonómicas, pese aos axustes practicados no gasto.

Mellor ponderación
É por isto que na negociación do novo modelo de financiamento a Xunta vai solicitar unha mellor ponderación destas variables diferenciais, cuxo peso no actual modelo está “claramente infravalorado”. A conselleira recalcou que estes factores “xeran obxectivamente un maior custo na prestación de servizos”.

Ademais, Elena Muñoz Fonteriz aludiu a outros factores que non están incluídos no sistema de financiamento e que tamén provocan “custos diferenciais” na prestación de servizos. Entre eles, citou os quilómetros de costa e as infraestruturas portuarias, a lonxitude da rede de estradas, os dereitos das comunidades galegas asentadas no estranxeiro, a existencia dunha lingua propia ou as actuacións en materia de prevención e extinción de incendios pola presenza dunha biomasa forestal que en Galicia triplica a media autonómica.

En resumo, a titular de Facenda demandou que na revisión do modelo vixente se teña en conta o custo real da prestación de servizos en cada territorio, de forma que todos os cidadáns teñan o mesmo nivel de prestación de servizos públicos esenciais con independencia da comunidade onde residan.


 

Vídeos relacionados

Tema: Facenda
Departamento: C. de Facenda
  • whatsapp