O titular da Xunta presidiu hoxe a inauguración da Variante de Noia, que esta mesma tarde entrará en servizo

Feijóo refírese á Variante de Noia como unha infraestrutura fundamental para a vertebración da liña costeira de Galicia e para o desenvolvemento económico, turístico e territorial do Barbanza

Asegura que esta obra é mostra do firme compromiso da Xunta co desenvolvemento desta comarca non só para potenciar a súa condición de porto pesqueiro ou os seus recursos naturais como destino turístico, senón, fundamentalmente, para aproveitar a súa proximidade á área de Compostela e reforzar, polo tanto, a súa complementariedade coa capital de Galicia

“Hoxe, entregamos un porto a Compostela e acercamos tamén a ría á capital de Galicia. Cohesionamos máis o territorio. Acercamos os concellos de Muros, Outes, Ribeira, Porto do Son e Noia a Compostela e Compostela cara a estes concellos”, incide

Destaca que, despois do da Illa de Arousa, a variante conta co viaduto máis longo que leva construído a Administración galega na historia de Autonomía e a ponte atirantada de maior lonxitude en Galicia, o que o converte nun emblema de modernidade na península do Barbanza
 

Santiago, 4 de xullo de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Variante de Noia como unha infraestrutura fundamental para a vertebración da liña costeira de Galicia e para o desenvolvemento económico, turístico e territorial do Barbanza. Así o manifestou no acto de inauguración deste novo vial que esta mesma tarde entra en servizo.

Segundo salientou, a variante de Noia é mostra do firme compromiso da Xunta co desenvolvemento desta comarca non só para potenciar a súa condición de porto pesqueiro ou os seus recursos naturais como destino turístico, senón, fundamentalmente, para aproveitar a súa proximidade á área de Compostela e reforzar, polo tanto, a súa complementariedade coa capital de Galicia.

Nesta liña, subliñou que se trata dunha infraestrutura indispensable para mellorar as conexións viarias desta vila costeira e dos concellos limítrofes coa cidade de Santiago, e representa unha ambiciosa obra viaria que axudará a revitalizar esta zona do litoral galego. Por iso, confiou en que a súa apertura á circulación sirva como “revulsivo” do turismo nesta comarca.

“Hoxe, entregamos un porto a Compostela e acercamos tamén a ría á capital de Galicia. Cohesionamos máis o territorio, integramos máis a franxa do litoral co interior. Acercamos os concellos de Muros, Outes, Ribeira, Porto do Son e Noia a Compostela e Compostela cara a estes concellos. Estamos diante dunha infraestrutura que é de todos, que fixemos todos e fundamental para toda a comarca”, afirmou.

Unha obra sinónimo de progreso, modernidade e compromiso
Feijóo lembrou que esta vía, que contou cun investimento próximo aos 50 millóns de euros, abrangue 4,9 quilómetros de lonxitude que van desde o entronque coa VAC Santiago-Noia ata o lugar de Taramancos; polo que resta 2 quilómetros nun percorrido que, pola estrada convencional (AC-550) abrangue 7 quilómetros, reducindo así o tempo de viaxe en 10 minutos e mellorando a seguridade.

Remarcou que a súa construción, na que traballaron 600 persoas de forma directa, supuxo tamén unha importante obra de enxeñaría non exenta de desafíos técnicos, como a edificación do viaduto que cruza a ría desde o porto de Testal ata a Barquiña, cunha extensión de 1,7 quilómetros.

Un viaduto, precisou, que, despois do da Illa de Arousa, é o máis longo que leva construído a Administración galega na historia de Autonomía e a ponte atirantada de maior lonxitude en Galicia, o que o converte nun emblema de modernidade na península do Barbanza. “En definitiva, estamos a falar dunha obra sinónimo de progreso, de modernidade, de compromiso e de exemplo do esforzo que quere facer Galicia por saír adiante”.

Logo facer fincapé en que desviará do centro urbano de Noia unha media de 8.000-10.000 vehículos ao día, o presidente da Xunta puxo de relevo que esta infraestrutura se ergueu sorteando moitos obstáculos para evitar o seu impacto sobre os bancos marisqueiros destas augas, e salientou que se construíu minimizando as afeccións que este trazado puidera causar sobre o principal recurso pesqueiro desta comarca e en diálogo permanente coa confraría de pescadores.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando o impulso decidido que a Xunta leva dado ás infraestruturas viarias desta comarca, destinando máis de 250 millóns de euros á creación de novas vías de altas prestacións para mellorar as conexións entre Santiago e a costa, como a Vía de Alta Capacidade Santiago-Noia ou a Variante de Outes. E agradeceu, tamén, o empeño e a dedicación do ex conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, con esta obra e o seu compromiso por mellorar a rede viaria da comarca noiesa, que agora proseguirá a nova titular deste departamento, Ethel Vázquez.

 

Imaxes relacionadas