Rueda visitou hoxe as obras do novo edificio que estará rematado no primeiro trimestre do ano que vén
O vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, destacou hoxe o forte investimento que está a facer o goberno galego no novo edificio da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), e que converterá á Estrada e á comarca do Deza no centro das emerxencias de Galicia.
Rueda indicou que está previsto que as obras estean rematadas no primeiro trimestre do ano que vén, cun investimento de 7,6 millóns de euros, os que haberá que sumar outros máis de tres millóns de euros da licitación da plataforma tecnolóxica e o equipamento completo das instalacións, que se fará en canto estea rematado o edificio.
Máis de 11 millóns de euros para centralizar todo o que ten que ver coas emerxencias, dende a formación ata a xestión das incidencias e a mobilización dos medios. No referente á formación, Rueda aproveitou a visita para felicitar a Agasp pola magnífica labor formativa que está a desenvolver, acollendo cada ano nas súas aulas a milleiros de alumnos de policía local, bombeiros, axentes forestais e voluntarios de protección civil, entre outros colectivos.
Así, ao reunir nun mesmo espazo todos os recursos destinados ás emerxencias e á seguridade pública de Galicia, lógranse sinerxías, redúcense gastos e optimízanse os recursos, algo fundamental nos tempos actuais e que redundará nunha mellora resposta aos cidadáns.
O novo edificio terá o 112 na planta baixa e entreplantas e o 061 na primeira planta, sendo o soto e o semisoto de accesos e servizos comúns. Todo o inmoble supón máis de 4.500 metros cadrados.