O Sergas vén de levar a cabo un proceso de estratificación que permite identificar individualmente o nivel de saúde e de complexidade de cada un dos case 2,5 millóns de galegos maiores de 14 anos

Con esta información os profesionais sanitarios do Sergas, en especial os de atención primaria, poderán poñer en marcha accións específicas

Santiago, 21 de outubro de 2014
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presidiu hoxe, no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, unha xornada de presentación aos profesionais sanitarios da Estratificación por risco da poboación adulta na nosa Comunidade. Así, tal e como remarcou a titular da carteira sanitaria do Executivo galego, o Sergas levou a cabo, como elemento fundamental da Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade, dito proceso de estratificación, que posibilita identificar individualmente o nivel de saúde e de complexidade de cada un dos case 2,5 millóns de galegos maiores de 14 anos.

No acto estivo presente, así mesmo, a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro, así como o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. A presentación da Estratificación por Risco da Poboación Adulta en Galicia correu a cargo do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, e da subdirectora xeral de Avaliación Asistencial e Garantías, Susana Cerqueiro.

Posta en marcha de accións específicas
Segundo a conselleira, isto é posible grazas ao uso de ferramentas que agrupan á poboación galega mediante a combinación da información clínica existente nas diferentes fontes dispoñibles -información dos episodios de hospitalización, da farmacia, de receita e da codificación efectuada en atención primaria-, que permite clasificar á poboación referida en diferentes estratos de risco en función da súa morbilidade.

Así, todos os profesionais sanitarios do Sergas, en especial os de atención primaria, poderán poñer en marcha accións específicas destinadas a satisfacer as demandas da cidadanía en función do seu grao de necesidade. Ademais, permite identificar a aqueles pacientes que teñan un maior risco de descompensación para que se poidan adoptar medidas de anticipación que teñan a finalidade de retrasar a aparición das mesmas, subliñou Rocío Mosquera-.

Neste senso, para a poboación clasificada como sa (47%) aplícanse medidas orientadas á promoción da saúde e prevención da enfermidade e, para aquela con factores de risco ou enfermidades crónicas menores (34%), fomentarase o autocoidado e a capacitación e manexo do propio autocoidado.

Para aqueles pacientes con enfermidades crónicas estables (15%) seguiremos avanzando na aplicación de estratexias de xestión da enfermidade, e para aqueles pacientes con enfermidades crónicas de maior complexidade e con altas necesidades de coidados de saúde (4%) empregaranse estratexias específicas de xestión dos casos, incidiu a titular da carteira sanitaria.

Próximos pasos
Segundo dixo a conselleira, esta ferramenta estará a disposición dos profesionais para que poidan consultala e aplicala a cada caso. Neste senso, o proceso de estratificación é un instrumento de gran axuda para elaborar plans de accións específicos dirixidos aos principais estratos de pacientes.

Nesta primeira etapa, a principal ocupación estará centrada nos pacientes pluripatolóxicos nos que a posta en marcha de medidas anticipativas pode ter como resultado menor número de descompensacións e por tanto mellor estado de saúde e menor mortalidade, -remarcou Rocío Mosquera-.

Sinalar, por último, que tanto a ONU como a OMS estableceron para o período 2010-2025 o obxectivo de reducir un 25% a mortalidade prematura por enfermidades crónicas en persoas entre 30 e 70 anos, adoptando o lema 25 x 25. Este obxectivo alíñase perfectamente, -dixo a conselleira-, “co que pretendemos dende a Consellería de Sanidade, e o materializaremos con iniciativas como esta”.
 

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade