A carteira de servizos de familia incorpora a posibilidade da atención nocturna nas casas niño e no servizo de axuda no fogar para a infancia

Feijóo resalta que esta iniciativa busca prestar unha atención máis eficiente, á vez que se ofrece un mellor servizo e se logra un maior nivel de personalización

Supón un cambio de paradigma: dun centrado nos equipamentos a un que pon o acento nos servizos e que “combina os recursos a medida das necesidades”

Este paquete comezará a aplicarse ao longo do primeiro semestre de 2015, seguindo a estela da carteira de servizos de atención á dependencia, xa publicada, e anticipando as carteiras de servizos de inclusión e a de servizos para persoas con autonomía

O presidente da Xunta debullou os “dous eixos” en torno aos que se articula a carteira: a área de servizos xerais e a de servizos específicos, orientada a persoas con necesidades especiais
 

Santiago, 04 de decembro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a carteira de servizos de familia incorpora a posibilidade de atención nocturna, nas casas niño e no servizo de axuda no fogar para a infancia. Destacou estas medidas supoñen un xiro no “modelo de atención tradicional”, pois deixan de centrarse nos equipamentos para poñer o acento na prestación de servizos.

Hoxe coñeceuse o borrador do decreto que regula a nova carteira de servizos de infancia, familia e adolescencia, que comezará a aplicarse ao longo do primeiro semestre de 2015. Feijóo lembrou que o modelo de carteiras na prestación de servizos sociais que está a impulsar a Xunta permite deseñar e “combinar os recursos á medida das necesidades das persoas”, buscando unha atención “máis ampla, diversa e innovadora”.

“Trátase de ampliar o catálogo de servizos sociais públicos coa optimización dos recursos e as infraestruturas existentes”, aseverou o titular do Goberno galego, ao que engadiu que dentro deste novo modelo xa se publicou a carteira de servizos de atención á dependencia, que entrou en vigor hai un ano, e xa se está traballando na carteira de servizos de inclusión e na de servizos para persoas con autonomía.

Máis polo miúdo, Feijóo salientou que a carteira de servizos de familia busca modificar o modelo de atención tradicional, deixando de basearse en equipamentos e centrándose en cada un dos servizos que se poden levar a cabo neles. Deste xeito, e se cumpre os requisitos necesarios, cada instalación poderá prestar máis dun recurso: “Por exemplo, unha escola infantil non ten por que limitarse a escola infantil se está capacitada e ten posibilidades de prestar tamén servizos de ludoteca ou de formación e orientación a pais e nais”.

O presidente da Xunta incidiu en que o obxectivo é buscar ser máis eficiente e, ao tempo, ofrecer un mellor servizo e lograr un maior nivel de personalización ao diferenciar os recursos en función do colectivo ao que van dirixidos.

Nesta liña, a carteira estrutúrase ao redor de dous eixos: a área de servizos xerais, para familias sen necesidades especiais; e a área de servizos específicos, na que se inclúen familias numerosas, familias monoparentais, con persoas maiores ou con discapacidade ao cargo, familias adoptantes, menores en situación de risco ou desamparo e menores infractores. En todos eles recóllese a definición do servizo, o contido mínimo e as prestacións que debe conter.
 

Imaxes relacionadas