A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras rematadas nesta vía de 11 quilómetros que favorece a conexión interior entre as provincias de Lugo e A Coruña

A Xunta de Galicia inviste 4,6 millóns de euros na mellora da seguridade viaria da estrada Friol-Límite de provincia (LU-934)

As actuacións acometidas permitiron arranxar o firme, aumentar o ancho de plataforma da estrada e facer varias rectificacións de curvas para mellorar os seus radios

Ethel Vázquez indicou que o acondicionamento desta estrada beneficiará a máis de 230.000 vehículos ao ano e dotará os habitantes da zona dunha infraestrutura máis cómoda e segura para os seus desprazamentos diarios

O último quilómetro da LU-934 transcorre paralelo ao Camiño de Santiago, polo que se construíron unha senda peonil e unha franxa verde co fin de separar a ruta turística da estrada e salvagardar a seguridade dos peregrinos

Friol (Lugo), 23 de xaneiro de 2015
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as actuacións realizadas na estrada LU-934, entre Friol e o límite de provincia, unha vía na que o Goberno galego levou a cabo melloras ao longo dos seus 11 quilómetros mediante un investimento de case 4,6 millóns de euros.

Ethel Vázquez explicou que se trata dunha infraestrutura da Rede Primaria Complementaria da Xunta de grande importancia, xa que favorece a conexión interior entre as provincias de Lugo e da Coruña.

As obras acometidas permitiron arranxar o firme, aumentar o ancho de plataforma da estrada e facer varias rectificacións de curvas para mellorar os seus radios. Tamén se dispuxeron interseccións para facilitar os cambios de sentido, dotando á estrada de carrís centrais de espera naquelas interseccións máis utilizadas ou que presentaban escasa visibilidade.

Cómpre destacar que o último quilómetro da LU-934 transcorre paralelo ao Camiño de Santiago, polo que se construíron unha senda peonil e unha franxa verde co fin de separar a ruta turística da estrada e salvagardar a seguridade dos peregrinos.

A titular de Infraestruturas indicou que con esta actuación ponse de manifesto o compromiso do Goberno galego coa mellora da seguridade viaria, ofrecendo maiores garantías, tanto aos vehículos que circulan pola LU-934 como ás persoas que neste último treito percorren o camiño de Santiago. Engadiu que tamén se demostra a aposta da Xunta polo reequilibrio territorial e pola vertebración do territorio galego.

Ethel Vázquez precisou que o acondicionamento da estrada visitada hoxe beneficiará a máis de 230.000 vehículos ao ano e dotará aos habitantes desta zona dunha infraestrutura máis cómoda e segura para realizar os seus desprazamentos diarios.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que a Xunta é consciente da importancia de construír grandes eixes que comuniquen Galicia de norte a sur e de este a oeste, pero tamén da necesidade de acometer melloras e poñer en marcha vías interiores que teñen unha importancia estratéxica na conectividade de miles de cidadáns que residen en pequenas poboacións.

Adxunto pódese atopar un gráfico no que se amosan imaxes das diferentes melloras que se levaron a cabo nesta estrada lucense.

Imaxes relacionadas