O Programa de Impulso Democrático da Xunta ponse en marcha con novas leis e novos recursos e co compromiso de ir máis lonxe que noutros tempos e noutros lugares

Feijóo precisa que este plan “constrúe un novo armazón de normas, procedementos e recursos que permitirá situarnos á cabeza das administracións públicas en materia de transparencia e bo goberno: con novas leis para que os cidadáns podan coñecer en tempo real o que facemos no exercicio do goberno; e con novos recursos”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, refírese aos doce eixos do programa, destacando en primeiro lugar a elaboración dunha nova Lei de transparencia e bo goberno de Galicia

Santiago, 29 de xaneiro de 2015.- Tal e como xa avanzara o pasado martes no Parlamento, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do Programa de Impulso Democrático da Xunta de Galicia. Un programa con cinco leis e 50 medidas, e cun prazo de 50 días, para situar Galicia á cabeza na transparencia no funcionamento da Administración pública”, aseverou.

No eido da participación cidadá e dos partidos políticos, Feijóo destacou unha nova lei de financiamento de partidos e unha norma reguladora das iniciativas lexislativas populares. E, entre as medidas de control externo, referiuse a unha nova Lei do Consello de Contas.

No ámbito do Goberno, o titular da Xunta resaltou que se trata “dun plan innovador no eido normativo porque inclúe a elaboración de forma paralela de tres novas leis e outros tantos regulamentos; coherente coas medidas adoptadas por este goberno ata o de agora; e, ante todo, un plan sólido porque contén mecanismos de avaliación do seu cumprimento, garantías do seu cumprimento e efectos xurídicos no caso do seu incumprimento”.

Feijóo incidiu en que este plan “constrúe un novo armazón de normas, procedementos e recursos que permitirá situarnos á cabeza das administracións públicas en materia de transparencia e bo goberno: con novas leis para que os cidadáns podan coñecer en tempo real o que facemos no exercicio do goberno; e con novos recursos”.

“En definitiva, un compromiso do Goberno: ir máis lonxe no que se fixo nunca en transparencia na Comunidade autónoma e tamén ir máis lonxe que noutros lugares no que a esixencia de transparencia se refire”, concluíu.

Un programa con doce eixes
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou os doce eixos do programa, destacando en primeiro lugar a elaboración dunha nova Lei de transparencia e bo goberno de Galicia, que recollerá e ampliará as esixencias da vixente lei de transparencia de Galicia -que vai camiño de cumprir os dez anos- e da vixente lei de incompatibilidades, que rolda o vinte anos de vixencia.

Para elaborar este novo texto, o primeiro paso que neste eixo formula este plan é a apertura dun foro de participación cidadá para recoller as achegas que os galegos queiran facer.

Rueda precisou que o novo documento ampliará o catálogo de información que a lei estatal esixe publicar en todos os ámbitos; introducirá maior control no réxime de incompatibilidades; regulará a actuación dos Gobernos en funcións, tanto nas súas limitacións como nas súas obrigas de informar aos sucesores; reforzará o dereito de acceso á información pública; e aposta por un organismo independente do goberno ao que os cidadáns poidan reclamar no caso de denegación das súas solicitudes de información.

“E, tamén, haberá un especial reforzamento de esixencia para os altos cargos do Goberno, coa previsión dun réxime disciplinario específico para os casos de incumprimento”, engadiu, logo de precisar o obxectivo de que en marzo o anteproxecto deste lei poda ser aprobado polo o Consello da Xunta.

No tocante ao segundo eixo, relativo ao deseño e implantanción do Portal de Transparencia, salientou que: superará o actual modelo disperso e unificará e homologará toda a información dispoñible para facilitar o acceso dos cidadáns. “Así, poñeremos en marcha un portal único que actualizará os datos de xeito efectivo, que integrará outras iniciativas xa existentes e que esterá interconectado cos portais das outras administracións”, dixo.

Como terceiro eixo, Rueda referiuse ao reforzo do portal Open Data que pon a disposición dos axentes económicos información de utilidade recollida pola Xunta. E, en relación ao cuarto eixo, destacou un novo decreto regulador do rexistro de convenios da Xunta, para integrar o uso de medios tecnolóxicos e facelo máis transparente e accesible para os cidadáns.

O quinto e sexto eixo obedecen a mecanismos de avaliación e control interno: control dos contidos do portal de transparencia, asegurando que cumpren todo o tipificado na normativa básica e na autonómica, así como o esixido pola organización de referencia, Transparencia internacional. E, en segundo lugar, a protocolización das obrigas establecidas polo Código Ético Institucional –en vigor-.

En relación ao sétimo e o oitavo, o vicepresidente da Xunta afirmou que recollen os outros dous proxectos legais. Un deles, a Lei de ordenación dos servizos xurídicos do sector público autonómico que incorporará as novidades en materia de tramitación electrónica ou en materia de autoprovisión aos entes do sector público.

Este texto delimitará claramente as condicións nas que unha persoa ao servizo da administración pública pode acceder a asistencia letrada da propia Xunta.

Sobre o outro proxecto lexislativo, relativo á lei de financiamento de partidos políticos, Rueda precisou que en canto a Xunta reciba o texto solicitado ao Consello Consultivo, será tramitado de inmediato e remitido ao Parlamento.

O noveno eixo dá resposta a unha resolución aprobada no Debate do Estado da Autonomía, que instaba á Xunta a mellorar o control das subvencións e bolsas para evitar a fraude.

Durante a súa intervención, Rueda salientou que o décimo eixo tamén quere abordar os mecanismos de control da legalidade, neste caso no eido local. E, nesta liña, afirmou que a Xunta falará coa Fegamp para abordar dúas grandes propostas: dotar ao Consello de Contas e ao Consello Consultivo da función de establecer criterios homoxéneos nos réximes contables e xurídicos das entidades locais; e modificar os decretos reguladores da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa e da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para potenciar o seu papel de asesoramento aos concellos nas súas competencias.

Por último, os eixos undécimo e duodécimo serven como instrumentos de garantías da efectividade deste Plan de Impulso Democrático da Xunta. E, neste sentido, destaca a formación axeitada do persoal público para responder a estas novas esixencias normativas de transparencia.

“E faremos tamén un plan de seguimento e avaliación deste plan para ver así como se van implantando todas estas medidas e ver tamén cal é grao de efectividade e cumprimento”, aseverou.

Imaxes relacionadas