Xunta de Galicia

Cultura e Educación reforza a promoción internacional das curtas galegas coa presentación de ‘Shorts from Galicia’ no Festival de Clermont-Ferrand

Disporá por vez primeira dun espazo de difusión propio na zona de mercado deste prestixioso encontro francés centrado nas curtametraxes, que arranca esta fin de semana coa asistencia de máis de 3.000 profesionais duns 80 países

A representación galega esténdese tamén ao apartado artístico, coa selección da fita ‘Ser e voltar’, de Xacio Baño, para a competición da sección Lab e a participación de Lois Patiño como xurado
 

  • Shorts from Galicia

Santiago, 30 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará a proxección exterior das curtametraxes galegas a través da súa participación, baixo a marca promocional ‘Shorts from Galicia', na trixésima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia). O audiovisual galego contará por primeira vez cun espazo de difusión propio na zona de mercado deste prestixioso encontro, que congregará a partir desta fin de semana máis de 3.000 profesionais procedentes duns 80 países.

Así, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad amplía ao ámbito das curtas o programa de internacionalización do sector que vén desenvolvendo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). No marco desta liña de traballo, o audiovisual galego participa en diferentes feiras estratéxicas cara á procura de socios, compradores e distribuidores de todo o mundo, como o European Film Market de Berlín, que celebrará unha nova edición do 5 ao 13 de febreiro en paralelo á Berlinale, o mercado Ventana Sur de Bos Aires, e o Marché du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes.

‘Stand’ paraugas
Nesta edición, ‘Shorts from Galicia’ disporá dun espazo propio como parte dun ‘stand’ paraugas que comparte con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes. Con motivo desta primeira presenza institucional no mercado francés, a Agadic preparou unha nova edición do catálogo ‘Shorts from Galicia’ para distribuírlles aos profesionais acreditados, entre os que se atopan representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais.

Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes. Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como ‘showcases’, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas.

‘Ser e voltar’
Galicia tamén contará con representación no programa do festival da man de Xacio Baño e a súa fita ‘Ser e voltar’, que foi seleccionada para competir con outras 33 candidatas polo premio da sección Lab, destinada a aqueles traballos máis experimentais ou transgresores na súa busca dunha ollada diferente. Realizada co apoio da Consellería a través da axudas da Agadic para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual, este traballo de Xacio Baño continúa así o seu destacado percorrido internacional, no que sobresae igualmente a súa estrea na pasada edición de Festival de Cine de Locarno.

Outro director galego, Lois Patiño, formará parte do xurado desta Lab Competition de Clermont-Ferrand xunto ao realizador e produtor chinés Wang Bing e ao cantante, compositor e artista multimedia estadounidense Fredo Viola.
 

  • whatsapp