A conselleira do Medio Rural e do Mar visitou a Casa Grande de Xanceda, en Mesía

A superficie dedicada á produción ecolóxica en Galicia multiplicouse por mil nos últimos 17 anos

A conselleira salientou que esta produción medrou na nosa Comunidade de xeito espectacular nos últimos anos e lembrou os seus beneficios tanto ambientais como económicos e sociais

Santiago, 18 de febreiro de 2015

A produción ecolóxica medrou en Galicia de xeito espectacular nos últimos anos, ata o punto de que a superficie inscrita para este tipo de cultivos multiplicouse por mil nos últimos 17 anos, pasando das tan só 13,35 hectáreas en 1997 ás máis de 15.600 de 2013. Ao tempo, o número de operadores (produtores e elaboradores) pasou neste período de 11 a 656.

Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa visita de hoxe á Casa Grande Xanceda, no concello coruñés de Mesía, onde puxo en valor esta importancia da produción agrogandeira ecolóxica en Galicia, tanto polo seu valor intrínseco como polo “efecto demostración” que ten para o conxunto do medio rural.

A conselleira lembrou os beneficios tanto ambientais como económicos e sociais desta produción e indicou que a agricultura ecolóxica supón un valor engadido para as producións da terra de Galicia, abrindo o camiño a novas oportunidades de negocio, e ten cada vez máis aceptación nos mercados estranxeiros.

Rosa Quintana explicou que é unha modalidade que aposta por ofrecer ao consumidor un produto san e de máxima calidade e que a Unión Europea aposta por esta vía, feito que se pon de manifesto en toda a normativa que a regula. Engadiu que esta produción está cada vez máis profesionalizada, o que se plasma no incremento constante da superficie amparada e dos operadores do sector e que este panorama demostra que é un sector potencial e de futuro para a incorporación de xente nova.

Iniciativa pioneira
A Casa Grande de Xanceda é unha iniciativa pioneira en Galicia no eido ecolóxico. Conta cun censo de 379 animais e dedícase á comercialización de produtos lácteos ecolóxicos (sobre todo iogures). Na súa gama de produtos salientan o queixo do peregrino curado en cebada e os iogures de diferentes sabores (con fresas, con cirola e canela, con vainilla, con mazá e plátano ou con froitas do bosque). Tamén comercializa leite ecolóxico e organiza ecovisitas para grupos e familias, coa idea de dar a coñecer a explotación e a súa filosofía á poboación en xeral. A explotación está inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

 

Sons relacionados
Declaracións da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, en Casa Grande de Xanceda
Imaxes relacionadas