Sanidade destaca a prevención e control das infeccións nosocomiais como eixe da seguridade do paciente e da calidade asistencial

Rocío Mosquera participou na presentación do “Plan de lucha contra las infecciones relacionadas con la Asistencia Sanitaria (IRAS)” , que se celebra hoxe en Madrid

En Galicia, o Sergas traballa xa en todas as liñas que se recollen no devandito plan

Tres accións desenvolvidas na nosa Comunidade destacadas como mellores prácticas: o programa InNo CBR do CHUO, a formación de pacientes en feridas cirúrxicas e a formación de residentes en IRAS, ambas do CHUVI
 

Madrid, 18 de febreiro de 2015.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, participou hoxe, xunto a outros conselleiros de Sanidade, na presentación do “Plan de lucha contra las infecciones relacionadas con la Asistencia Sanitaria”, na sede do IESE de Madrid, como medida que permite mellorar a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes hospitalizados.

No transcurso da súa intervención, subliñou que o Servizo Galego de Saúde xa contempla, na súa Estratexia Sergas 2014, dentro dos elementos clave na área de seguridade clínica, unha liña de Prevención da Infección Nosocomial, e que dende hai varios anos traballa no Plan de Minimización de Riscos Microbiolóxicos nos hospitais de Galicia. Tamén destacou o traballo activo levado a cabo, en liña co Ministerio, no referente á atención sanitaria en Unidades de Críticos, onde as infeccións son especialmente trascendentes.

A conselleira expuxo estas ideas nunha mesa redonda na que se abordou a visión da Administración na loita contra as infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria. Na mesa estiveron tamén, o viceconselleiro de Asistencia Sanitaria da Comunidade de Madrid, Manuel Molina; o conselleiro de Saúde do Goberno Vasco, Jon Darpón; e o conselleiro de Sanidade da Generalitat de Valencia, Manuel Llombart.

Destacou tamén a oportunidade de poñer en marcha dito Plan xa que as IRAS son a causa dunhas 3.000 mortes anuais en España, causando máis mortalidade que os accidentes de tráfico e supoñen un custe duns 700 millóns.

Amosou tamén a súa satisfacción porque tres accións desenvolvidas en Galicia foran recollidas polos redactores do Plan como de referencia de boas prácticas: o proxecto InNoCBR do CHUO e os programas de formación de pacientes en ferida cirúrxica e de formación de residentes do CHUVI.

Na súa conferencia referiu tamén como no Sergas se está a traballar xa en todas as liñas do Plan como son as boas prácticas en materia de hixiene de mans, os proxectos de infección nosocomial en unidades de críticos Neumonía Zero e Bacteriemia Zero, ámbolos dous solidamente implantados. Tamén destacou o programa Resistencia Zero, iniciado no mes de abril do pasado ano.

Igualmente, a titular da carteira sanitaria fixo referencia aos obxectivos e indicadores relacionados coa participación de pacientes na prevención e control das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria.

En definitiva, dixo a conselleira, moitas son as actividades realizadas no tema de seguridade do paciente en Galicia, destacando o documento publicado na intranet do Sergas de Prácticas sinxelas de prevención destas infeccións.

Abordaxe multidisciplinar
Segundo a conselleira, a loita contra estas infeccións ten que ser multidisciplinar, contando con todas as partes interesadas como son os profesionais asistenciais, de medicina preventiva, expertos en enfermidades infecciosas, así como en microbioloxía e farmacia.

Ademais, a recollida de datos e as análises deben contar cun soporte informatizado que facilite a súa execución áxil e rigorosa en tempo e forma. Na prevención da infección o diagnóstico precoz, o tempo para implantar medidas de illamento e a adecuación de antibioterapia idónea son decisivos e iso pode verse moi favorecido por sistemas de información potentes, -recalcou Rocío Mosquera-.

Os resultados en saúde da cidadanía e, por suposto, o impacto económico son dos boas razóns, dixo a conselleira, para priorizar o traballo nesta liña. O correcto abordaxe da infección nosocomial incorpora ademais a redución das resistencias aos antimicrobianos, que é unha necesidade acuciante no momento actual. Temos que traballar para diminuír as taxas de infección adquirida nos nosos centros, coa meta de tender a cero, -sinalou-.

Sistema de seguridade do paciente e xestión de riscos sanitarios
A conselleira de Sanidade fixo referencia tamén ao documento estratéxico “Sistema de Seguridade e Xestión de Riscos Sanitarios”, elaborado pola Subdirección Xeral de Calidade e Seguridade da Xerencia do Sergas, en colaboración con profesionais do sistema sanitario, e que na súa liña catro recolle todas as medidas a levar a cabo de maneira homoxenea nos centros do Sergas relativas ás IRAS, así como 22 indicadores para facer un seguimento e que permitirá continuar coa política de benchmarking xa iniciada entre todos os hospitais.

Tamén destacou a incorporación de indicadores de prevención e control das IRAS nos Acordos de Xestión que anualmente se asinan cos profesionais. Todo elo con fin último de garantir a mellor atención aos pacientes ingresados nos hospitais galegos.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade