A economía galega medrou un 0,4% o pasado ano e rexistrou o seu mellor comportamento desde 2010

Cúmprese o obxectivo do Executivo galego de que 2014 fose o ano do inicio da recuperación económica

O PIB autonómico encadea xa 4 trimestres con taxas interanuais positivas

A variación intertrimestral no cuarto trimestre foi tamén positiva, do 0,1%

Os datos publicados hoxe polo IGE confirman que está a medrar o emprego a tempo completo, o que non sucedía dende 2008

Constátase tamén que en 2014 houbo unha mellor evolución do sector primario, a construción e o sector servizos

O consumo aumentou por primeira vez dende o inicio da crise, e as exportacións avanzaron un 1,2%
 

Santiago, 26 febreiro de 2015
Compartir
  • whatsapp

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia rexistrou no ano 2014 un incremento do 0,4% en termos interanuais, polo que rexistrou o seu mellor comportamento dende o ano 2010. Así o reflicten os datos de contabilidade trimestral publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Segundo indican os datos do IGE, o pasado ano a economía galega saíu da recesión e recuperou as taxas positivas de crecemento. Cúmprese así o obxectivo do Goberno galego de que 2014 fose o ano do inicio da recuperación económica, que se ten que consolidar neste 2015 con taxas de crecemento aínda maiores.

O PIB galego encadea xa 4 trimestres consecutivos con taxas interanuais positivas, e no cuarto trimestre de 2014 a taxa intertrimestral tamén foi positiva (0,1%).

A evolución en 2014 foi igualmente positiva no ámbito do emprego, xa que desde o terceiro trimestre do ano está a medrar o número de postos de traballo a tempo completo, algo que non sucedía dende o inicio da crise en 2008. De feito, a evolución do emprego en 2014 mellorou en tres décimas a previsión inicial para ese período.

Ademais, constátase a recuperación progresiva do consumo –o pasado ano medrou un 0,5%-, sendo a primeira vez que aumenta dende o inicio da crise. Ao mesmo tempo, as exportacións avanzaron un 1,2% e incrementáronse por segundo ano consecutivo.

Sectores
Segundo os datos do IGE, no 2014 rexistrouse unha mellor evolución anual no sector servizos, que medrou un 1,5% e tivo o mellor comportamento dende o 2010. Tamén destaca o bo comportamento do comercio e a hostalería, cun crecemento do 2%.

Pola súa banda, o sector primario creceu un 1,1% logo de dous anos con taxas negativas, e a variación interanual da construción mellorou en 2,6 puntos respecto ao 2013, co que semella que o sector se estabiliza despois de cinco anos dun axuste moi importante.

 

Imaxes relacionadas