A Xunta abre o prazo de inscrición nas listas de contratación de persoal laboral temporal e para o nomeamento de funcionarios interinos

Este prazo permanecerá aberto do 1 de marzo ao 15 de xullo, e a inscrición poderá realizarse a través da web da Xunta

Como novidade, ábrense nove listas respecto ao ano pasado
 

Santiago, 27 de febreiro de 2015
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia abrirá desde o 1 de marzo o prazo de inscrición nas listas para a contratación de persoal laboral temporal e para o nomeamento da funcionarios interinos da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Todas aquelas persoas interesadas en formar parte destas listas de contratación poderán solicitar a súa inscrición no prazo de referencia e para iso deberán presentar a instancia conforme ao modelo que se atopa xa á súa disposición na web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), no apartado de Listas de Contratación.

O número de listas que estarán abertas á inscrición é de 24. Delas, 14 listas son para o nomeamento de funcionarios interinos e dez para a contratación de persoal laboral. Respecto a 2014 ábrense nove listas, cinco para persoal funcionario interino e catro para persoal laboral temporal.