O presidente da Xunta visitou esta mañá o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia

Feijóo salienta que o novo edificio da AXEGA na Estrada converterá este concello na central de coordinación das Emerxencias de Galicia

Precisa que, en total, trasladaranse a esta nova sede en torno a 250 persoas vinculadas á Axega 112 e ao 061

“Buscamos un maior aproveitamento dos recursos xa dispoñibles; unha mellor dotación de medios; e, ademais, unha estrutura máis profesionalizada”, afirma

Resalta que os orzamentos aprobados para este ano aumentan un 72% a partida destinada á atención ás emerxencias, que suma unha contía de 33 millóns

Incide en que o mapa de emerxencias de Galicia establece un marco de corresponsabilidade entre a Administración autonómica, local e central porque se apoia na colaboración e na concertación de esforzos para mellorar un servizo público esencial como é a seguridade cidadá
 

A Estrada (Pontevedra), 24 de marzo de 2015
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo edificio da Axega na Estrada converterá este concello na central de coordinación das Emerxencias de Galicia. “Atopámonos nun edificio que concentra a aposta que vén facendo a Xunta pola coordinación dos servizos de emerxencias da Comunidade; e que, de feito, será o corazón que active cada un dos dispositivos de intervención en todo o territorio. Na nova sede do 112 está a peza clave para facer do concello da Estrada a central de emerxencias de Galicia que, ademais, aproveita as sinerxías do recinto da Academia de Seguridade Pública de Galicia”, aseverou.

Durante a visita esta mañá ao novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, Feijóo precisou que, cun investimento total de 13,6 millóns, este edificio conta con cinco plantas e unha superficie de 4.500 metros cadrados: a planta baixa e as entreplantas estarán a disposición do 112, de modo que albergarán, entre outros servizos, a sala de operacións, que amplifica notablemente o seu espazo en relación á sede actual. No primeiro andar estarán as dependencias do 061. E o soto e o semisoto irán destinados a accesos e servizos comúns.

En total, trasladaranse a esta nova sede en torno a 250 persoas vinculadas á Axega 112 e ao 061. “Será un proceso que se realizará de xeito inmediato pero por fases”, avanzou, logo de incidir en que este edificio co que contará a partir de agora o recinto da Agasp permitirá unificar nun mesmo complexo o control das emerxencias que se produzan na Comunidade coa formación dos axentes implicados na súa resolución.

Sobre este aspecto, o titular da Xunta salientou o labor docente que ao longo de todos estes anos leva desenvolvido a Academia de Seguridade Pública de Galicia, que cada ano acolle nas súas aulas a milleiros de alumnos de policía local, bombeiros, axentes forestais e voluntarios de protección civil, entre outros colectivos que completan aquí a súa formación.

Colaboración e concertación de esforzos para mellorar un servizo público esencial
Feijóo aseverou que a premisa que define o que está sendo a política de xestión das emerxencias que a Xunta leva desenvolvido, ao longo destes seis últimos anos, é a necesidade de adoptar unha distribución máis racional dos recursos: a través da coordinación, evitando as duplicidades, e procurando a máxima colaboración e implicación dos concellos, deputacións e das demais administracións públicas.

“Buscamos un maior aproveitamento dos recursos xa dispoñibles; unha mellor dotación de medios; e, ademais, unha estrutura máis profesionalizada”, dixo. E, con este obxectivo, creáronse os 27 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES); un grupo de intervención que se suma aos 25 parques comarcais de bombeiros cos que conta a Comunidade, aos 7 parques de bombeiros das grandes cidades e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil, á Garda Civil, á Policía Nacional e Autonómica, e aos servizos sanitarios e do 112.

Despois de resaltar que os orzamentos aprobados para este ano aumentan un 72% a partida destinada á atención ás emerxencias, que suma unha contía de 33 millóns, o responsable do Goberno galego concluíu a súa intervención facendo fincapé en que o mapa de emerxencias de Galicia establece, en definitiva, un marco de corresponsabilidade entre a Administración autonómica, local e central porque se apoia na colaboración e na concertación de esforzos para mellorar un servizo público esencial como é a seguridade cidadá.


 

Imaxes relacionadas