O titular da Xunta presidiu este mediodía en Lugo a entrega do Premio periodístico Puro Cora
Afirma que o Premio Puro Cora distingue un periodista, Anxo Lugilde, que examina, escruta e valora a realidade política e social do noso país
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor dos medios de comunicación, garantes da información fiable e con criterio.
Nesta liña, e durante o acto de entrega do Premio periodístico Puro Cora, Feijóo lembrou o papel dos medios de comunicación durante a transición a modo de exemplo. “Nesa sociedade palpitante que empurraba aos políticos cara adiante, tiñan un protagonismo especial os medios de comunicación. Como se ten dito moitas veces, foron o parlamento de papel, antes de que a democracia tomase corpo en institucións; foron a expresión da rúa cando esa democracia fraqueou ou estivo en perigo”, aseverou.
Ao fío disto, o responsable do Goberno galego afirmou que o Premio Puro Cora distingue un periodista, Anxo Lugilde, que examina, escruta e valora a realidade política e social do noso país. “O gran cambio que se produce na política moderna é que o cidadán xa non é un simple comensal ao que lle serven os pratos preparados nunha cociña que permanece pechada. Agora ese comensal, acompañado por analistas tan sutís como o noso Anxo Lugilde, entra na cociña, examina os ingredientes e comproba as preparacións”, explicou.
O presidente da Xunta concluíu cualificando este feito de fundamental, xa que a política de hoxe, afirmou, é facer e explicar, de maneira que a Comunidade sexa partícipe das decisións que lle afectan.