Tres escolares da provincia da Coruña resultan premiados no concurso “Debuxa o teu almorzo" para promocionar estilos de vida saudable entre a mocidade

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou esta mañá na entrega destes premios, que obtiveron alumnos de Santa Comba, Padrón e Santiago

Santiago, 7 de maio de 2015
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu esta mañá no colexio de Educación Especial (CEE) Manuel López Navalón, de Santiago, a entrega de premios aos alumnos e alumnas da nosa provincia que resultaron gañadores nalgunha das categorías do concurso “Debuxa o teu almorzo”, promovido pola Consellería de Sanidade xunto co Foro Interalimentario, a Unión de Consumidores de Galicia e a Fundación Deporte Galego. Trátase dunha iniciativa do departamento autonómico para promover estilos de vida saudable entre a mocidade e, en especial, para a prevención da obesidade infantil e xuvenil.

Nesta edición, dirixida ao alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria e ao dos centros de Educación Especial, resultaron recoñecidos tres escolares coruñeses: o primeiro premio na categoría xeral do certame foi para Yago Rodríguez Dios, alumno do CEIP Flavia, de Padrón, de 8 anos, mentres que María Varela Pardiñas, do CEIP Barrié de la Maza, de Santa Comba, e 6 anos de idade, obtivo o terceiro premio na mesma categoría. Na categoría especial, o segundo premio foi para Joel Cuadrado Pernas, do CEE Manuel López Navalón, de Santiago, de 17 anos de idade. En total, en toda Galicia, participaron 1.587 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Primaria e 219 na categoría dirixida aos usuarios dos centros de Educación Especial.

No encontro cos máis de 100 escolares chegados destes tres centros educativos, Do Campo estivo acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o subdirector xeral de Programas de Fomento de Vida Saudable, Jorge Suanzes. Tamén asistiron a concelleira de Educación de Santiago, Maite Cancelo, e a directora do CEE, Carmen Otero e representantes das tres entidades patrocinadoras.

A iniciativa baséase na necesidade de reforzar a educación nutricional en todos os ámbitos. Así, os participantes que concorreron ao certame tiñan que reflectir a través dun debuxo a conformación do almorzo que adoitan a consumir diariamente. O seu traballo foi avaliado por un xurado composto por membros de Sanidade, Educación, das entidades colaboradoras e de profesionais nos eidos das artes plásticas e do deporte.

Neste senso, a delegada territorial agradeceu a alta participación e implicación do alumnado e destacou a importancia de levar hábitos de vida saudable, especialmente no referente á alimentación. “Esta é a base para que a poboación acade un estado óptimo de saúde e benestar e para que os rapaces garantan o seu crecemento”, manifestou.

“O almorzo é unha comida moi importante e contribúa a que vós, os escolares, teñades máis enerxía para desenvolver as vosas actividades”, explicoulles a máxima representante do Executivo autonómico aos asistentes, aos que lles recordou que “un almorzo equilibrado debe estar composto por lácteos, cereais e froita”.

Plan Xérmola
O proxecto “Debuxa o teu almorzo” enmárcase no Plan Xérmola, a estratexia do Goberno galego para a prevención da obesidade infantil e xuvenil, aprobado en 2014. Segundo un estudo levado a cabo pola Consellería de Sanidade, un de cada tres rapaces galegos de entre 6 e 15 anos presenta sobrepeso ou obesidade, o que pon de manifesto a necesidade de actuar de maneira proactiva neste ámbito.

 

Imaxes relacionadas