Cultura e Educación destinará máis de 550.000 euros para axudar a sufragar os comedores escolares xestionados polas ANPAS

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases e se convocan estas bolsas para o actual curso académico

A Consellería cofinancia ata un máximo do 50% do custe do servizo
 

Santiago, 8 de maio de 2015
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 550.000 euros para axudar a sufragar, no actual curso académico 2014-15, o custo dos comedores escolares xestionados polas ANPAS. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde –que se pode consultar no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150508/AnuncioG0164-290415-0002_gl.html–
pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento deste servizo que estea xestionado polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería.

Estas bolsas, que se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar. Tal e como se especifica na Orde, ditas axudas cofinanciarán ata un máximo do 50% do custo de dito servizo.

As solicitudes para acceder a estas bolsas deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. O prazo para poder facelo rematará o próximo 9 de xuño.