Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a creación do Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio (REGALIAM)

Esta iniciativa permitirá a realización de estudos epidemiolóxicos e clínicos para avaliar o proceso e valorar a calidade da asistencia destes pacientes

A páxina web do Sergas recolle a instrución que desenvolve esta orde
 

Santiago, 15 de maio de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe na súa páxina web a orde pola que se crea o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio con elevación do segmento ST (REGALIAM), único e de ámbito galego no que se recollen todos os datos necesarios dos pacientes atendidos nos centros sanitarios pertencentes ao Sistema Público de Saúde de Galicia e no centro Povisa. Tamén aqueles atendidos pola fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

A páxina web do Sergas recolle hoxe tamén a Instrución para os profesionais. Nela defínense os 99 parámetros a recoller, así como os mecanismos de recollida e explotación, imprescindible para o seu funcionamento e están convocados, este mesmo venres, os responsables designados polos respectivos centros para a recollida destes datos co obxectivo de implantar de xeito inmediato o REGALIAM.

Esta iniciativa permitirá a realización de estudos epidemiolóxicos e clínicos para avaliar o proceso e valorar a calidade da asistencia destes pacientes, e planificar as modificacións precisas para a súa mellora continua, de xeito que se promova a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario e os seus procedementos diagnósticos e terapéuticos.

O rexistro quedará integrado na Rede Galega de Vixilancia de Saúde Pública e adscrito á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Posta en funcionamento
Para a súa posta en funcionamento elaborouse unha ferramenta informática, validada polos profesionais dos servizos de cardioloxía e valorada moi positivamente polos seis xefes de servizo de Cardioloxía do Sergas, que funcionará nun entorno web.
 

Tema: Sanidade
Departamento: C. de Sanidade
  • whatsapp