Cultura e Educación renova cinco dos lectorados da rede de centros de estudos galegos da Xunta de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta mañá a fase final de entrevistas persoais do proceso de selección convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no mes de xuño

As novas docentes de lingua, literatura e cultura galegas no exterior incorporaranse este mesmo curso aos centros das universidades do País Vasco, Oxford, Birmingham, Sorbona Nova-París III e Federal de Bahía

Santiago, 22 de setembro de 2015
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concluíu esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a selección de 5 novas lectoras de lingua, literatura e cultura galegas que se incorporarán neste curso académico 2015-2016 ás universidades do País Vasco, de Oxford, de Birmingham, da Sorbona-Nova París III e Federal de Bahía. Todos estes centros de ensino superior están adscritos á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, integrada arestora por un total de 34 unidades, 28 delas con lectorados.

Proceso de selección
O departamento dirixido polo conselleiro Román Rodríguez convocou o pasado mes de xuño, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 5 prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas no exterior. Ao proceso presentáronse un total de 60 solicitudes de 37 aspirantes diferentes. As universidades máis demandadas foron as británicas.

De acordo coas bases da convocatoria, tras unha fase de avaliación de méritos e mais do proxecto didáctico presentado para desenvolveren o seu labor en cada un dos lectorados a que aspiraban, as candidata/os mellor valoradas/os pasaron a unha segunda fase de entrevista persoal, celebrada esta mañá na EGAP e na que interviñeron os responsables dos centros de estudos galegos das universidades de destino.

O obxectivo deste proceso é seleccionar as/os candidatas/os mellor preparada/os e máis axustada/os ás condicións de cada universidade, de xeito que poidan aproveitar a oportunidade de formación que supón o lectorado, así como exercer en condicións óptimas o seu labor de embaixadores da lingua e da cultura propias de Galicia.

Rede de Centros de Estudos Galegos
A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia impulsa a proxección exterior do galego e a súa investigación en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, en Brasil, en Croacia, nos Estados Unidos, en Finlandia, en Francia, en Hungría, en Italia, en Irlanda, en Polonia, en Portugal, no Reino Unido e en Rusia.

Os centros de estudos galegos nacen a través de convenios de colaboración subscritos con universidades interesadas en incluír nos seus plans de estudo a lingua, a literatura e a cultura galegas. Trátase de órganos de referencia destas institucións educativas a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia. A maioría deles –en concreto, 28 dos 34 existentes- refórzanse coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, desenvolve labores de docencia, de investigación e de promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial, e responde aos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior.