Xunta de Galicia

A Consellería de Política Social explora novas vías de colaboración con Down Galicia para mellorar a integración e a calidade de vida das persoas con esta síndrome

Lembra que o convenio asinado coa Federación medra un 10% ata acadar os 446.838 euros

Sitúa a plena integración familiar, escolar, social e laboral das persoas con síndrome de Down como “froito da colaboración e do traballo conxunto da sociedade e as administracións públicas”

A Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade aumenta nun 7% o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros
 

  • José Manuel Rey Varela na sede da Federación Galega de Institucións para Síndrome de Down
    Autor: Ana Varela
  • José Manuel Rey Varela na sede da Federación Galega de Institucións para Síndrome de Down
    Autor: Ana Varela

Santiago, 12 de novembro de 2015.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá de hoxe a sede da Federación Galega de Institucións para Síndrome de Down – Down Galicia onde adquiriu o compromiso de explorar novas vías de colaboración coa entidade para acadar “unha mellora da integración e da igualdade das persoas con síndrome de Down que reverta na mellora da calidade de vida de estes e das súas familias”. Nas súas verbas, Rey Varela definiu a este colectivo como “peza básica da nosa política social”, unha importancia que vén referendada co aumento dun 10% no convenio asinado coa Federación para 2016 que acadará os 446.838 euros.

O conselleiro afirmou que a plena integración familiar, escolar, social e laboral das persoas con síndrome de Down ou outra discapacidade “debe de ser froito da colaboración e do traballo conxunto da sociedade, incluído o mundo empresarial, e as administracións públicas, pasando polos interlocutores sociais e as entidades de movemento asociativo da discapacidade como esta federación”.

Nesta liña o conselleiro asegurou que estudará a posibilidade da creación de novas prazas na entidade Down Galicia así como outras liñas de axuda como vén facendo a Xunta de Galicia nos últimos anos a través da concesión de outros servizos.

A entidade sen ánimo de lucro Down Galicia agrupa as asociacións específicas para a síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia. Creada en 1998, esta asociación realiza unha múltiple labor na coordinación de programas e servizos, elaboración de materiais de sensibilización e información, planificación e xestión da formación para empregados, impulso de políticas de calidade ou servizos de atención especializada.

Un 7% máis de presuposto
O conselleiro valorou as persoas con síndrome de Down como un “grupo importantísimo” dentro do colectivo de persoas con discapacidade. Un colectivo que, dixo o conselleiro, “grazas á nova estrutura orgánica da Consellería, gaña presenza”. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade aumenta nun 7% o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros.

Para o vindeiro exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e a creación dun banco de axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

 

Tema: Igualdade
Departamento: C. de Política Social
  • whatsapp