Xunta de Galicia

Nava Castro afirma que o turismo náutico e o mariñeiro constitúen un dos grandes atractivos turísticos de Galicia

A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá na presentación do proxecto piloto do primeiro cruceiro costeiro denominado “Os Tesouros das Rías de Galicia” posto en marcha pola Asociación Galega de Actividades Náuticas, AGAN+

O proxecto pretende desenvolver unha nova oferta náutica e turística nos períodos de baixa temporada posicionando as rías galegas como un destino náutico internacional

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que constitúe un gran avance na potenciación das actividades relacionadas que converterá a nosa comunidade en referencia Europea en Cruceiros Costeiros de escalas en terra e valorizará o patrimonio natural e cultural da nosa comunidade

  • A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá na presentación do proxecto piloto do primeiro cruceiro costeiro denominado “Os Tesouros das Rías de Galicia”
  • A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá na presentación do proxecto piloto do primeiro cruceiro costeiro denominado “Os Tesouros das Rías de Galicia”

Santiago, 20 de novembro de 2015.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, participou esta mañá na presentación do proxecto piloto do primeiro cruceiro costeiro denominado “Os Tesouros das Rías de Galicia” posto en marcha pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+).

O proxecto pretende desenvolver unha nova oferta náutica e turística nos períodos de baixa temporada para dar aproveitamento aos barcos de transporte turístico e as empresas de chárter náutico, posicionando as rías galegas como un destino náutico internacional.

Esta iniciativa forma parte das iniciativas da Rede náutica NEA, formada por España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda), na que participa de Turismo de Galicia en colaboración con Portos de Galicia.

Estes cruceiros costeiros que se poderán facer en barco de pasaxe ou en veleiro terán unha duración de tres días e contarán cunha serie de innovacións de realidade aumentada que permitirán coñecer a costa, o patrimonio natural das illas Cíes, o patrimonio cultural dos museos e vilas galegos e o patrimonio inmaterial das lendas a través dunha aplicación para os móbiles innovadora en Galicia. O porto base de saída será Vigo e o porto de chegada será Vilagarcía de Arousa. Están previstas escalas e visitas en Redondela, Baiona, Illas Cíes, O Grove, Sanxenxo, Boiro, Vilanova de Arousa e Ribadumia.

No acto de presentación, que tivo lugar no museo Meirande, presentouse o nacemento da idea de crear estes cruceiros costeiros seguindo o modelo francés de semaine de petite cabotage e os exitosos cruceiros polo Douro en Portugal. Tamén se presentou o material promocional que vai ser utilizado para difundir este novo produto entre as distintas redes de axencias de viaxes de España e Portugal.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que o turismo náutico e o mariñeiro constitúen un dos grandes atractivos da nosa comunidade autónoma.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a nosa comunidade conta cunhas condicións envexables para a práctica de numerosas actividades náuticas durante todo o ano. Neste senso, Nava Castro destacou que Galicia é a rexión con máis areais con Bandeira Azul e con máis instalacións náutico-deportivas certificadas co distintivo Q de Calidade Turística, estando o 65% das instalacións certificadas do Estado no noso territorio. “A nosa costa así como as instalacións e infraestruturas náuticas que nela se asentan son as adecuadas para converter o turismo náutico nun factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”, sinalou.

En referencia, a iniciativa presentada, a directora de Turismo de Galicia afirmou que constitúe un gran avance na potenciación das actividades relacionadas co mar sinalando que converterá a nosa comunidade en referencia Europea en Cruceiros Costeiros de escalas en terra e valorizará o patrimonio natural e cultural da nosa comunidade.

A responsable de Turismo da Xunta agradeceu aos Grupos de Acción Costeira a súa implicación cun sector tan importante para Galicia como é o mundo do mar e o seu traballo na dinamización das zonas costeiras galegas.

Así mesmo, Nava Castro destacou o papel desenvolto polas empresas encargadas das actividades complementarias do proxecto sen as que non sería posible ter este produto, do cal afirmou “era unha sinatura pendente de Galicia e esperamos q sexa exitosa”.

  • whatsapp