A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou hoxe o prego de bases que rexerá o concurso de ideas para a transformación da actual estación de autobuses unha vez que se constrúa a intermodal de Santiago

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria do concurso de ideas para o deseño da cidade de San Caetano, que ampliará o espazo para 1.300 empregados públicos e incluirá unha gardería de 75 prazas

Os arquitectos interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 8 de xuño

Nas bases establécese un importe máximo de obra, de todas as fases, que ascende aos 20 millóns de euros

O xurado estará composto na súa maioría por arquitectos de distintas administración ou entidades, entre elas A Xunta, o Concello de Santiago ou o Colexio de Arquitectos de Galicia

Vázquez explica que a estación contará cunha nova zona administrativa na que se delimitarán un espazo de arquivo e un aparcamento que incremente o número de prazas actuais

Subliña que o novo edificio destacará pola funcionalidade das súas instalacións, a eficiencia enerxética, garantindo unha redución do consumo eléctrico; e a integración estética e funcional co actual complexo

Precisa que estas infraestruturas están enmarcadas no novo Plan de Alugueiros do Goberno galego, que ten como obxectivo reducir os gastos en arrendamento de inmobles para instalacións administrativas
 

Santiago, 8 de abril de 2016
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa o prego de bases que rexerá no concurso de ideas para a transformación da actual estación de autobuses de Santiago na Cidade Administrativa de San Caetano, que ampliará o espazo para 1.300 empregados públicos e incluirá unha gardería de 75 prazas.

Vázquez explicou que San Caetano contará cunha nova zona administrativa na que se delimitarán espazos, salas de reunións e outras localizacións xerais, prevendo unha zona de arquivo e outra de aparcamento que incremente o número de prazas actuais.

A titular de Infraestruturas salientou que o novo edificio destacará pola funcionalidade das súas instalacións: a versatilidade e flexibilidade para adaptalo ás necesidades de cada momento; a eficiencia enerxética, garantindo unha redución do consumo eléctrico; e a integración estética e funcional co actual complexo de San Caetano.

Ethel Vázquez tamén subliñou que estas novas infraestruturas están enmarcadas no novo Plan de Alugueiros do Goberno galego, que aspira a reducir nun 76% o gasto en arrendar inmobles, camiñando cara a unha política de alugueiros cero e acadando un aforro de 5,65 millóns de euros ano ano. Neste sentido, o obxectivo último da Xunta é que todas as oficinas públicas estean en espazos da titularidade da comunidade autónoma.

A conselleira concretou que non só se mirará a eficiencia das instalacións, senón que tamén se aproveitará para construír cidade, facendo un barrio administrativo tamén con calidade estética. Por iso a valoración arquitectónica e compositiva da proposta tamén xogarán un papel clave no proxecto que se seleccione e todo isto débese desenvolver na parcela actual que ocupa a estación de autobuses e os edificios e espazos anexos dun xeito completamente integrado coa zona e co actual complexo de San Caetano.

Cómpre lembrar que a Xunta está a traballar no desenvolvemento da estación intermodal de Santiago e hai uns días adxudicouse a redacción dos proxectos básico e de execución da terminal de autobuses e asinarase o contrato neste mesmo mes para iniciar a súa redacción. A consecuencia evidente da posta en marcha da intermodal será a liberación de espazo na actual estación de autobuses, polo que a Xunta pretende aproveitar ese ámbito para unha ampliación das súas instalacións dun xeito planificado e óptimo que redunde nunha mellora dos servizos aos cidadáns, construíndo unha infraestrutura administrativa integrada.

Presentación de propostas
O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica o inicio do proceso, polo que os arquitectos que desexen participar disporán ata o 8 de xuño para presentar as súas propostas. Ao concurso poderán presentarse tódolos arquitectos habilitados para exercer que o desexen e presentar as súas propostas nos vindeiros dous meses, sempre dun xeito anónimo para preservar a obxectividade nas decisións do xurado. A Xunta de Galicia redactará, a partir do proxecto gañador, os documentos técnicos necesarios para continuar cos traballos de ampliación.

Nas bases presentadas hoxe establécese un importe máximo de obra de todas as fases que ascende aos 20 millóns de euros.

Os proxectos serán valorados por un xurado composto polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, un representante da SXOTeU, un vogal do Colexio de Arquitectos de Galicia, arquitectos do IGVS, da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Concello de Santiago de Compostela, un representante da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e un representante da Intervención Xeral.

A valoración estética e funcional da solución proposta así como a súa integración no conxunto outorgará ata 100 puntos; a viabilidade económica, eficiencia enerxética e calidade será premiada con ata 45 puntos; e os criterios de calidade na documentación 10 puntos.

Un mes despois de abrir as propostas, o xurado emitirá un fallo no que outorgará tres premios: un primeiro de 30.000 euros, un segundo de 20.000 e un accesit de 10.000.
 

Imaxes relacionadas