Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, supervisaron hoxe os traballos previos á redacción do proxecto de execución da primeira fase destas actuacións

A Xunta iniciará en verán as obras de ampliación e mellora do Hospital da Costa, en Burela, mediante un investimento de 12,8 millóns de euros

Ethel Vázquez subliña que no vindeiro mes de xullo a Xunta xa disporá do proxecto de execución para proceder, a continuación, á súa supervisión e aprobación

A conselleira destaca que o Goberno galego traballa coordinadamente para dotar aos veciños da Mariña Luguesa dun hospital máis grande, con máis servizos e máis accesible, adaptado ás necesidades de pacientes e profesionais

Vázquez Almuiña indica que a ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, supoñendo un incremento dun 30% da superficie actual do centro

O conselleiro de Sanidade apunta que nos criterios de planificación poténciase a atención ambulatoria con aumento de locais de consulta e gabinetes de exploración e postos de hospital de día e fortalécense os coidados intermedios

O proxecto contempla a construción dun aparcadoiro de 210 prazas e durante os traballos vaise habilitar un número de prazas equivalente en dúas parcelas próximas coa fin de minimizar as molestias

Vídeo da visita de Ethel Vázquez e Jesús Vázquez Almuiña a Burela
  • A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, supervisaron hoxe os traballos previos á redacción do proxecto de execución da primeira fase destas actuacións
  • A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, supervisaron hoxe os traballos previos á redacción do proxecto de execución da primeira fase destas actuacións

Burela (Lugo), 2 de maio de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzaron hoxe que a Xunta iniciará en verán as obras de ampliación e mellora do Hospital da Costa, en Burela, mediante o investimento de 12,8 millóns de euros. Os conselleiros, acompañados pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisaron hoxe os traballos previos á redacción do proxecto de execución da primeira fase das actuacións de ampliación.

Ethel Vázquez sinalou que no vindeiro mes de xullo a Xunta xa disporá do proxecto de execución para proceder, a continuación, á súa supervisión e aprobación.

A conselleira explicou que actualmente estanse a executar traballos xeotécnicos, que se iniciaron a pasada semana, para contar cun coñecemento detallado do terreo e poder definir axeitadamente os distintos elementos construtivos desta actuación. Estas accións estaas a levar a cabo a empresa adxudicataria dun contrato que integra a redacción do proxecto de execución e a realización das obras, nun procedemento deseñado para que a mellora do hospital se materialice o antes posible.

Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas licitou as obras da primeira fase da ampliación e reforma que se levará a cabo neste complexo hospitalario da Mariña, por encomenda da Consellería de Sanidade.

A responsable de Infraestruturas destacou a importancia da colaboración e coordinación entre departamentos da Xunta e uso eficaz dos recursos públicos. Precisou que a Xunta traballa coordinadamente para dotar aos veciños da Mariña Luguesa dun Hospital de referencia, máis grande, con máis servizos e máis accesible, adaptado ás necesidades de pacientes e profesionais.

Ethel Vázquez salientou que neste proxecto tense en conta as necesidades complementarias á asistencia sanitaria e por iso prevese a construción dun aparcadoiro de 210 prazas. Ademais engadiu que durante os traballos vaise habilitar un número de prazas equivalente en dúas parcelas próximas coa fin de minimizar as molestias.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que as obras no Hospital da Costa supoñen o desenvolvemento do plan director elaborado polo Servizo Galego de Saúde para este centro hospitalario. O novo Plan Funcional elaborado “propón un hospital moderno, accesible (cunhas circulacións internas e externas máis axeitadas que as actuais) e luminoso, aproveitando o magnifico entorno que tedes neste centro, un Hospital máis resolutivo e eficiente”.

A ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, para o que se construirá un novo pavillón en forma de “L” con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta. Isto significa que os traballos suporán un incremento dun 30% da superficie actual do centro. Levaranse a cabo de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais, así como garantindo a integración estética da nova construción co edificio xa existente.

Nos criterios de planificación, poténciase a atención ambulatoria con aumento de locais de consulta, así como de gabinetes de exploración e de postos de hospital de día e, ademais, fortalécense tamén os coidados intermedios. Na área de hospitalización, ampliarase e remodelarase a mesma para adaptala ás necesidades, coa creación de 24 novas habitacións e a remodelación de 30 habitacións actuais.

 

  • whatsapp