Fina Casalderrey, Carlos Núñez, Isabel Blanco e José Luis Rabuñal reciben os premios Bos e Xenerosos 2016

O secretario xeral de Cultura e a directora de Relacións Institucionais e Parlamentarias felicitaron hoxe a escritora, o gaiteiro, a actriz e o ornitólogo por estes galardóns concedidos pola Fundación Eduardo Pondal

Ponteceso (A Coruña), 15 de maio de 2016

A escritora Fina Casalderrey, o gaiteiro Carlos Núñez, a actriz Isabel Blanco e o ornitólogo José Luis Rabuñal recibiron esta mañá os Premios Bos e Xenerosos 2016, nun acto que tivo lugar na sede da Fundación Eduardo Pondal, no concello coruñés de Ponteceso, e que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais da directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.

“Desde a Xunta de Galicia –asegurou Anxo Lorenzo– sumamos o noso aplauso á tarefa de Fina Casalderrey, que labra cada día a terra para que nazan novos lectores na nosa lingua; para Carlos Núñez, que leva a nosa música polo mundo e que consegue facer medrar co seu traballo constante o interese polo noso patrimonio cultural; para Isabel Blanco, cun compromiso coa lingua e co traballo ben feito desde a súa tarefa como actriz; e para José Luis Rabuñal, que con entusiasmo leva toda unha vida facendo que reparemos na riqueza natural que nos rodea”.

A Fundación Eduardo Pondal, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación no desenvolvemento da súa actividade, vén entregando os Premios Bos e Xenerosos desde o ano 2009, como un recoñecemento ao compromiso, á difusión e mais á defensa da cultura galega.

Imaxes relacionadas