O Museo de Belas Artes da Coruña finaliza os traballos de restauración do cadro de Ovidio Murguía ‘Árbore de montaña’

A obra foi presentada esta mañá polo presidente da Fundación Rosalía de Castro e polo secretario xeral de Cultura, quen destacou o labor de conservación do patrimonio cultural que se vén realizando nos museos

A Coruña, 6 de xuño de 2016
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentaron esta mañá a restauración do cadro de Ovidio Murguía ‘Árbore de montaña’, realizada polo Museo de Belas da Coruña. O cadro –probablemente o de maior tamaño pintado polo autor– foi adquirido pola Fundación Rosalía de Castro en 2014 á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo e restaurado polo museo durante os últimos meses.

Segundo recordou Anxo Lorenzo, a Consellería de Cultura vén apoiando un traballo permanente de conservación do patrimonio xestionado pola fundación, desde a restauración da propia casa e adecuación da súa musealización ata a colaboración en estudos de difusión etc. “De maneira que cando a Fundación Rosalía adquiriu este importante cadro de Ovidio Murguía expuxemos todo o noso apoio para a restauración da obra nos talleres do Museo de Belas Artes, da man dos nosos técnicos especialistas”, afirmou.

A encargada de levar a cabo o traballo foi Laura Carrera, que participou no acto, xunto coa directora do museo, Ángeles Penas. Durante a presentación, a técnica explicou o labor realizado, que incluíu a limpeza do reverso do cadro, a reposición de tres cuñas e o tensado; a limpeza químico-mecánica da superficie pictórica, o estucado puntual de lagoas, a reintegración cromática das faltas e das grandes áreas de craquelados prematuros en distintas zonas da obra, xunto co vernizado final.

Un labor indispensable
Dado o interese e responsabilidade da Consellería na preservación e conservación do patrimonio galego, o secretario xeral destacou “o traballo que se vén realizando desde o laboratorio de restauración do Museo de Belas Artes, que desenvolve un labor de supervisión e conservación permanente sobre as obras do museo e ás veces tamén sobre obras propiedade doutras institucións”.

Esta calidade do traballo de conservación, que implica tamén o coidado da iluminación e en xeral toda a conservación preventiva, “é fundamental para a preservación do noso patrimonio cultural e é adoito unha das tarefas invisibles do ámbito da cultura”, polo que destacou e agradeceu “a tarefa dos equipos técnicos que nos están a asegurar a transmisión do patrimonio cultural galego ás xeracións futuras”.

Nos últimos meses, abordáronse desde o laboratorio do Museo de Belas Artes da Coruña tarefas tan importantes como as vinculadas á preservación e restauración na exposición de Picasso, a intervención no cadro ‘As bágoas de san Pedro’ ou mesmo a revisión do estado de conservación dun total de 70 gravados de Goya que están na reserva do museo. Desinsectouse tamén o cadro ‘Castigo’, pertencente ao depósito do Museo do Prado.

Pintura de paisaxe realista do XIX
O cadro ‘Árbore de montaña’ foi realizado por Ovidio Murguía en 1899 –un ano antes da súa morte–, durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX. O autor dálle prioridade nesta composición ao primeiro plano, no que destaca a árbore e o motivo dos penedos. Á súa vez, a apertura do espazo dirixe a vista aos planos do fondo e serve de enlace coa cadea montañosa.

Ovidio Murguía no Museo de Belas Artes
A obra vén enriquecer e completar os fondos da Fundación Rosalía de Castro, que non dispuña de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía. Trátase probablemente do cadro de maior tamaño (190 x 130 cm) pintado polo autor, unha peza emparentada con dúas paisaxes da serra do Guadarrama que se conservan no Museo de Pontevedra e no Museo de Belas Artes da Coruña. Nos fondos deste centro museístico xestionado pola Xunta de Galicia tamén se conservan outras oito obras de Ovidio Murguía.

Imaxes relacionadas