Medio Ambiente entrega ao concello de Ferrol o borrador do convenio para a construción do último tramo dos interceptores da Malata

O director de Augas de Galicia mantivo esta mañá unha reunión co concelleiro de Servizos, Mercados e Festas, Germán Costoya, ao que lle solicitou a remisión da solicitude de concesión de ocupación de dominio público marítimo terrestre e portuario

Durante o encontro indicouse que a necesidade de axilizar os trámites que permitan licitar e executar esta actuación para non perder os fondos europeos que se teñen consignados e dar a resposta as necesidades ambientais desta ría

Tratase da actuación que completa o saneamento da Ría de Ferrol e co que se avanza un paso decisivo na rexeneración integral, que conta cun orzamento superior aos 7 millóns de euros

Santiago, 2 de agosto de 2016
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio entregou esta mañá ao Concello de Ferrol unha copia do borrador de convenio de colaboración que permitirá a construción do último tramo de interceptores xerais na zona da Malata.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, mantivo unha reunión co concelleiro de Servizos, Mercados e Festas, Germán Costoya, ao que trasladou a tramitación necesaria para avanzar neste proxecto. Rodríguez Martínez indicou que é necesario que o Concello de Ferrol remita - unha vez aprobado polo órgano competente- a Augas de Galicia o certificado no que conste que dita aprobación se axusta ao contido remitido dende a Xunta de Galicia.

Asemade, solicitou a remisión da solicitude de concesión de ocupación de dominio público marítimo terrestre e portuario e indicoulle que – toda vez asinadas- Augas de Galicia procederá a súa presentación perante os respectivos organismos competentes. O obxectivo é axilizar a tramitación necesaria para a licitación (e posterior inicio de obra) co fin de dar unha resposta as necesidades de saneamento desta ría, así como evitar a perdida de fondos europeos que ten consignado este proxecto.

O director de Augas tamén lle trasladou a importancia desta actuación xa que completará de xeito definitivo o saneamento da ría de Ferrol, para o cal a Xunta asumirá o importe global e integral necesario e que se fixa nun orzamento superior aos 7 millóns de euros.

Tal e como xa se ten manifestado, o conxunto de actuacións na ría de Ferrol configura un dos proxectos máis importantes en materia de saneamento e depuración da historia da Comunidade, non só polo esforzo económico, senón tamén pola cantidade de habitantes da contorna da ría aos que se lles dará un servizo de calidade, dado que estamos a falar de mais de 158.000 habitantes beneficiados.