Ethel Vázquez mantivo esta mañá un encontro cos autores dos deseños gañadores do certame, no que se presentou a maqueta do primeiro premio, elaborado por Celso López Martín e Jorge Salgado Cortizas co lema ‘Mineral-Vexetal’
A conselleira indica que os técnicos traballan na elaboración dun prego para a contratación do proxecto básico desta actuación, que avanza de forma coordinada cos labores de deseño da estación intermodal
A proposta gañadora responde ás premisas de mellorar o servizo aos cidadáns desde un espazo integrado na contorna que albergará a 1.300 funcionacios e favorecerá a conciliación da vida laboral e familiar cunha gardería de 75 prazas
O concurso de ideas para a Cidade de San Caetano enmárcase na aposta por racionalizar a Administración e a reducción do gasto público en alugueiros mediante o aproveitamento de edificios en desuso, como ocorrerá proximamente coa actual estación de autobuses
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe a calidade da proposta gañadora do Concurso de ideas para o deseño da Cidade de San Caetano, que será a referencia para a elaboración do proxecto básico que se licitará este mesmo ano. Así o trasladou a titular de Infraestruturas no encontro que esta mañá mantivo cos autores dos deseños recoñecidos no certame, durante o cal se presentou a maqueta do primeiro premio, que foi elaborado polos arquitectos Celso López Martín e Jorge Salgado Cortizas e competiu baixo o lema “Mineral-Vexetal”.
Ademais de aos autores do deseño gañador, no acto de hoxe entroegouselles un recoñecemento aos responsables das propostas distinguidas co segundo premio –Adolfo Agra Gutiérrez- e co accésit –o estudo de arquitectura Muñiz Mas Alfaya-. Vázquez Mourelle indicou que os tres proxectos premiados son “innovadores e singulares” e suporían calquera dos tres “unha mellora desta zona da capital de Galicia”.
A conselleira informou de que os técnicos traballan xa na elaboración dun prego para a licitación do proxecto básico para a construción da Cidade de San Caetano, tomando como base o proxecto gañador eincorporando as melloras técnicas que se consideren necesarias.
Vázquez apuntou que se está a avanzar de xeito coordinado cos labores que se están a realizar para o deseño da nova estación de autobuses integrada na estación de ferrocarril, é dicir, a nova estación intermodal de Santiago .
Seundo explicou, a Cidade de San Caetano ten como obxectivo ofrecer desde este complexo administrativo máis servizos e nunha mellor atención aos cidadáns. Prevense espazos de traballo eficientes para 1.300 empregados públicos e un aparcamento maior que o actual. Así mesmo, fomentarase a conciliación da vida laboral e familiar, xa que se recollen instalacións tan importantes como unha escola infantil con 75 prazas.
Ademais, destacou que o proxecto axudará a construír cidade, xa que, de acordo co deseño gañador, será un edificio administrativo integrado e singular adaptado á identidade de Santiago e dos composteláns. Doutra banda, indicou que a proposta Mineral-Vexetal “integra pedra e vexetación e serve de transición entre a cidade construída de Santiago de Compostela e a súa contorna verde”, conxungando o edificio a funcionalidade práctica cun esquema de distribución sinxela.
No proxecto gañador, subliñou Ethel Vázquez que tamén “destaca a pasarela acristalada que une o novo edificio co actual complexo administrativo e cubertas vexetais divisables dende diferentes ángulos”, o que pon de manifesto que “traballamos por un modelo de cidade moderna, eficiente, paisaxísticamente integrada e que permita unha gran calidade de vida aos seus veciños”.
O concurso de ideas para a Cidade de San Caetano enmárcase na aposta do Goberno galego por racionalizar a Administración, para que sexa máis útil e eficiente e insírese no Plan de Alugueiros, que se centra no aproveitamento de edificios en desuso, a concentración de espazos administrativos e a implantación dunha xestión integrada e unificada do patrimonio da Xunta.