Constituída a comisión de seguimento do Pacto ambiental con Ence, que se encargará da posta en marcha do programa marco

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, presidiron hoxe o acto formal no que se constituíu esta comisión

Este órgano estaba previsto tanto no Pacto ambiental que se asinou en xuño, como no convenio que se ratificou un mes despois

Esta comisión será a encargada de decidir as actuacións ás que se deben destinar os 3 millóns de euros anuais do Programa Marco

Estímase que no prazo dun mes estarán elaboradas as bases cos criterios para a concesión de axudas ao abeiro deste programa

A comisión tamén se ocupará de realizar un seguimento e avaliación de todos os investimentos previstos no Pacto con Ence

Pontevedra, 13 de outubro de 2016
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia e Ence constituíron hoxe a comisión de seguimento do Pacto ambiental asinado entre a administración autonómica e a empresa o pasado mes de xuño.

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, asistiron hoxe en Pontevedra ao acto formal no que se constituíu este órgano. Deste xeito, dáse un paso máis no cumprimento do Pacto ambiental, que segue avanzando segundo os prazos fixados.

A comisión de seguimento é fundamental para o desenvolvemento do Programa Marco que se incluía no Pacto. Esta iniciativa está dotada con 3 millóns de euros anuais —achegados integramente por Ence— e ten como obxectivo poñer en marcha accións baseadas en valores como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a calidade ambiental, a igualdade de oportunidades, a formación para o emprego, o deporte, a investigación ou as relacións de comunidade. En concreto, a comisión constituída hoxe será a encargada de decidir as actuacións a executar no marco deste programa.

Este órgano de seguimento está formado por dous técnicos designados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (o secretario xeral de Calidade e Avaliación ambiental e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra —no día de hoxe, pola súa ausencia, a comisión quedou constituída co xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra—) e por outros dous membros designados por Ence (o director de administración e a xerente de capital humano).

A partir de hoxe mesmo, a comisión traballará na elaboración das bases que establecerán os criterios de concesión de axudas ao abeiro deste programa, un documento que se prevé que estea listo no prazo dun mes. Tamén comezarán a traballar na elaboración dunha convocatoria na que poderán participar todos aqueles que estean interesados en achegar propostas de actuacións dentro do Programa Marco.

Pero esta non será a única función da comisión, que se encargará tamén de realizar un seguimento e avaliación de todos os investimentos previstos no Pacto Ambiental e de velar polo cumprimento do mesmo.

Pacto ambiental

O pasado mes de xuño asinábase o Pacto ambiental entre a Xunta e Ence, que se concretaba un mes despois a través da sinatura dun convenio con compromisos e orzamentos concretos.

En total, o investimento comprometido pola empresa para os próximos catro anos ascende a 200 millóns de euros. Entre outras actuacións, contémplase o apoio económico para a construción da EDAR de Praceres; a dotación dunha sede para un centro de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sustentable dos recursos forestais; e a elaboración do Programa Marco, que será coordinado pola comisión de seguimento.

No marco do Pacto ambiental, tamén se acordou acometer outras iniciativas como a mellora da eficiencia do complexo industrial; a construción e posta en marcha dun novo centro de coxeneración de biomasa; e a construción de tres novos centros de bioenerxía en distintos puntos de Galicia.

Imaxes relacionadas