A Consellería do Mar pon a disposición das entidades náuticas asesoramento especializado para a obtención da bandeira azul

ADEAC, a asociación que outorga os galardóns vén de abrir o prazo para a presentación de solicitudes

Santiago, 19 de novembro de 2016
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Mar pon a disposición das entidades náuticas que xestionan os peiraos deportivos de titularidade autonómica asesoramento especializado para a obtención do distintivo ambiental Bandeira Azul. A Consellería do Mar anima deste xeito aos clubs náuticos que operan nos portos deportivos da comunidade a presentar a súa solicitude para a obtención do galardón xa que a Asociación de Educación Ambiental e Consumidores (ADEAC), entidade que outorga as Bandeiras, vén de abrir o prazo de inscrición.

Durante o tempo de proposta de candidaturas para a obtención do distintivo, Portos de Galicia manterá contacto directo cos clubs náuticos que poden ser candidatos poñendo á súa disposición asesoramento e orientación técnica en relación aos requisitos que deben cumprir as instalacións para acadar o galardón. Así, ratifícase a vontade de que a totalidade dos clubs que poden optar a este recoñecemento conten con el e o manteñan no tempo, de modo que Galicia consolide o seu posicionamento internacional na primeira liña da calidade de servizos.

A colaboración da Consellería do Mar abarca aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para os portos autonómicos.

O impulso á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios marcados polo Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que se está a desenvolver. Esta folla de ruta para os peiraos deportivos de titularidade autonómica establece a xestión sustentable do litoral portuario como unha das liñas vertebradoras da acción de Portos de Galicia, xunto ao deseño de infraestruturas eficientes e a ampliación da responsabilidade social corporativa, entre outras.