Feijóo avanza o inicio da tramitación de avaliación ambiental das Directrices de paisaxe para aprobalas en 2017

Afirma que as Directrices de paisaxe son unha obriga legal, tal e como figura na Lei de protección de paisaxe, e unha obriga colectiva da sociedade, xa que cómpre diagnosticar os obxectivos de calidade e garantir unha mellor xestión e protección

Destaca, entre as tarefas que se marca a Xunta coas Directrices, a definición dos obxectivos de calidade paisaxística e unha proposta de medidas e accións específicas para acadar a recuperación de ámbitos degradados

Sinala que o documento inclúe catro tipos de directrices coas que dar resposta aos diferentes obxectivos de calidade paisaxística: unhas directrices xerais; directrices para elementos que existen en distintos tipos de paisaxe; directrices para acadar os obxectivos de calidade paisaxística de cada unha das 12 Grandes Áreas e nas diferentes unidades de paisaxe; e directrices para as Áreas de Especial Interese Paisaxístico e para os Ámbitos de Especial Atención Paisaxística

Precisa que as Directrices de paisaxe foron concretadas en base a un coñecemento detallado da paisaxe para tipificala; en base á opinión pública; e en base ás ideas de protección que son axeitadas para cada unidade de paisaxe

Asegura que, con estas Directrices, a Xunta está a dar pasos moi importantes para que se asente unha nova cultura paisaxística e para que a integración dos proxectos na paisaxe sexa considerada unha marca de calidade

Santiago, 15 de decembro de 2016
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación da avaliación ambiental das Directrices de paisaxe co fin de aprobalas en 2017. Trátase dunhas directrices que nacen da labor de investigación que se fixo cos Catálogos de Paisaxe e que permitirán establecer uns obxectivos de calidade para cada unidade da paisaxe e garantir unha mellor xestión e protección de todas elas.

Como lembrou o xefe do Executivo galego, as Directrices de paisaxe constitúen unha folla de ruta na que primeiro se traballou a nivel interno e nos últimos meses se someteu á consideración pública para tentar que sexa un documento de consenso que involucre a todos. Na actualidade, complétase o proceso procedendo á tramitación necesaria para poder aprobar e aplicar este texto.

Nesta liña, Feijóo fixo fincapé en que as Directrices de paisaxe son unha obriga legal, tal e como figura na Lei de protección de paisaxe de Galicia, e unha obriga colectiva da sociedade, xa que cómpre diagnosticar os obxectivos de calidade e garantir unha mellor xestión e protección.

Os obxectivos das Directrices de paisaxe


O titular de Goberno galego citou as catro tarefas que se marca a Administración autonómica coas Directrices de paisaxe: a definición dos obxectivos de calidade paisaxística para cada unidade de paisaxe; unha proposta de medidas e accións específicas para acadar a recuperación daquelas áreas nas que existen ámbitos degradados; unha descrición dos indicadores de calidade paisaxística para o control e seguimento do estado e da evolución das unidades de paisaxe; e unha serie de normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias rexionais ou locais.

Deste xeito, o documento inclúe catro tipos de directrices coas que dar resposta aos diferentes obxectivos de calidade paisaxística. Por unha banda, hai unhas directrices xerais para toda Galicia, co fin de que a paisaxe se inclúa no planeamento urbanístico, nos distintos instrumentos de ordenación ou xestión do territorio e tamén para a integración paisaxística das construcións en solo rústico.

Así mesmo, o documento incluirá unhas directrices para elementos que existen en distintos tipos de paisaxe, como son as infraestruturas enerxéticas e viarias, os parques eólicos, bancais, peches, valados, elementos do patrimonio cultural materiais e inmateriais, polígonos industriais, sendas, os itinerarios do Camiño de Santiago, miradoiros, viarios históricos e tradicionais e puntos de observación.

Ademais, incluiranse directrices para acadar os obxectivos de calidade paisaxística de cada unha das 12 Grandes Áreas Paisaxísticas e nas diferentes unidades de paisaxe definidas no Catálogo; e directrices para as Áreas de Especial Interese Paisaxístico e para os Ámbitos de Especial Atención Paisaxística. Neste último caso, serán normas e recomendacións máis específicas.

O presidente da Xunta subliñou tamén que as distintas normas e recomendacións para integrar os obxectivos de calidade paisaxística nos plans urbanísticos e nas estratexias rexionais ou locais son de dous tipos: directrices excluíntes, de obrigada incorporación; e directrices orientativas.

O proceso de elaboración das Directrices de paisaxe


Feijóo precisou que as Directrices de paisaxe foron concretadas en base a tres concepcións previas. En primeiro lugar, en base a un coñecemento detallado da paisaxe para tipificala. En segundo lugar, en base á opinión pública, posto que os obxectivos de calidade paisaxística teñen que expresar as aspiracións da cidadanía. Por último, en base ás ideas de protección que son axeitadas para cada unidade de paisaxe.

Con isto definido, agora as Directrices cursarán a tramitación necesaria, comezando polo trámite de Avaliación Ambiental e co obxectivo de que estean aprobadas definitivamente o vindeiro ano para que Galicia conte cun texto que integre a paisaxe en todas e cada unha das decisións que adopte o Goberno e integre a paisaxe en todas as planificacións dos concellos. Deste xeito, a integración paisaxística será un criterio en todas as actuacións que se fagan desde as Administracións.

Segundo concluíu o máximo responsable autonómico, con estas Directrices a Xunta está a dar pasos moi importantes para que se asente unha nova cultura paisaxística e para que a integración dos proxectos na paisaxe sexa considerada unha marca de calidade. En definitiva, para mellorar a protección da paisaxe.

Imaxes relacionadas