Subliña que o novo documento consolida a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística
Vídeo da intervención do presidente
O novo texto inclúe, ademais, cambios substanciais no réxime sancionador, non só no senso de incrementar as contías senón tamén promovendo a reposición dos danos ocasionados
Explica que a declaración dun espazo como protexido levará aparellada á vez a aprobación do preceptivo plan ou das normas de xestión que se aplicarán nel
Unha das principais novidades canto á clasificación dos espazos naturais protexidos será a creación da subcategoría de microrreservas
Sinala que a lei crea o Catálogo de hábitats en perigo de desaparición de Galicia
e o Listado de especies silvestres en réxime de protección especial, co obxectivo de que de aquí a 2020, 45 especies catalogadas como ameazadas ou teñan aprobado un plan de recuperación ou de conservación
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe o inicio da tramitación dunha nova Lei de patrimonio natural, un texto co que se busca actualizar e substituír á normativa autonómica vixente desde 2001, co obxectivo de incrementar a protección ambiental e cunha maior implicación social nesta materia.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que unhas das prioridades fundamentais é que o novo documento consolide a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística. Así, en liña cos postulados comunitarios nesta materia, plantéxase condicionar o outorgamento das autorización previstas na lei a unha garantía financeira previa que responda dos posibles danos que se poidan derivar, e que, por tanto, eviten que sexa a sociedade no seu conxunto a que teña que facerlle fronte.
Así mesmo, co fin de evitar retrasos entre a protección dun espazo natural e a aprobación do seu correspondente instrumento de planificación, a norma prevé que ambos os dous trámites teñan que ser simultáneos, de tal xeito que a declaración dun espazo como protexido levará aparellada á vez a aprobación do preceptivo plan ou das normas de xestión que se aplicarán nel.
Diferentes figuras de protección: as microrreservas
Por outro lado, a nova lei regulará tamén as diferentes figuras de protección que conforman o patrimonio natural da Comunidade. E, neste sentido, unha das principais novidades en canto á clasificación dos espazos naturais protexidos será a creación da subcategoría de microrreservas; unha figura que buscará preservar e protexer aqueles espazos cunha superficie inferior a 20 hectáreas que conteñan hábitats raros ou de especies ameazadas.
No tocante aos espazos naturais de interese local, o documento amplía o seu ámbito posto que poden comprender espazos integrados en máis dun termo municipal. E, igualmente, permite que a área de influencia socioeconómica dun espazo incluído na Rede Galega de Espazos Protexidos abarque non só o termo municipal no que se sitúe o espazo e a súa zona periférica de protección, senón tamén outros municipios limítrofes.
En consecuencia, abondou, recolle a posibilidade de que a Xunta outorgue axudas nestas áreas para o desenvolvemento de actividades tradicionais sustentables. E, ao mesmo tempo, calquera autorización que habilite para realizar transformacións no ámbito territorial dun espazo natural protexido someterase a informe favorable da Consellería de Medio Ambiente desde o inicio do seu procedemento de declaración ou da aprobación do seu instrumento de planificación. Ademais, engadiu, amplíase o réxime de protección preventiva dos tres anos previstos actualmente aos catro anos.
Atención ás especies e hábitats en perigo de desaparición
En relación á conservación da biodiversidade, o texto fíxase como reto abordar a protección das especies ameazadas tamén a través dea preservación do seu contorno. Neste sentido, inclúese como novidade a regulación dos hábitats, atendendo ao principio básico de que existe unha relación directa entre a preservación das especies e a dos seus hábitats naturais.
Máis concretamente, Feijóo subliñou que a lei crea o Catálogo de hábitats en perigo de desaparición de Galicia, no que se integrarán tanto aqueles declarados en risco pola Consellería de Medio Ambiente, como os que se atopen na comunidade e xa estean incluídos no catálogo nacional.
Neste mesmo sentido, créase o Listado de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, que inclúe o Catálogo galego de especies ameazadas, distinguindo entre as que están en perigo de extinción e as vulnerables, co obxectivo de que de aquí a 2020, 45 especies catalogadas como ameazadas ou vulnerables en Galicia teñan aprobado un plan de recuperación ou de conservación.
Logo de subliñar que o novo texto inclúe, ademais, cambios substanciais no réxime sancionador, non só no senso de incrementar as contías senón tamén promovendo a reposición dos danos ocasionados, o presidente da Xunta precisou que a lei promove unha maior participación social no ámbito da protección ambiental, recollendo a necesidade de integrar a conservación do patrimonio natural na educación ambiental que se dea á sociedade en xeral e ás xeracións máis novas en particular. E tamén incorpora a mellora do coñecemento científico como base da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, en coordinación coas universidades galegas e coas demais institucións de investigación públicas e privadas.