A iniciativa, impulsada pola Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV), celébrase anualmente en distintos lugares de España
Uns 400 voluntarios galegos reuníronse esta mañá na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na Estrada, para participar nun acto de recoñecemento ás agrupacións e asociacións de voluntariados de protección civil, así como ás institucións e personalidades que colaboran con elas.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe neste evento, no que tamén estivo presente o presidente da ANAV, Arturo Fuente, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que recibiu a Cruz de Servizos Distinguidos, na categoría de ouro, pola súa colaboración coas agrupacións de protección civil.
O acto, que cada ano se celebra en lugares distintos da xeografía nacional, pretende dar visibilidade e recoñecer os méritos acadados no campo da protección civil. Deste xeito, ademais da condecoración ao delegado do Goberno, entregáronse placas ao mérito colectivo -nas categorías de ouro, prata e bronce- a distintas asociacións de protección civil Ademais, tamén se fixo entrega da Cruz de Servizos Distinguidos na categoría de bronce a varios voluntarios e, de maneira especial, a 11 voluntarios a título póstumo.
Este ano, coincidindo co 15º aniversario da catástrofe do Prestige, a ANAV presentou oficialmente a Medalla Prestige, que ten como finalidade poñer en valor a solidariedade e os servizos prestados por todas as persoas que, ben voluntariamente ou pertencendo a outras institucións, participaron activamente para paliar as consecuencias desta situación. A medalla número 0 entregouse á S. M. o Rei Don Juan Carlos I de Borbón e a número 1 á Brigada de Infantería Lixeira Aero-Transportable (Brilat), con base en Figueirido (Pontevedra), e que estivo presente durante os meses que duraron os labores de limpeza nas costas galegas.