As pequenas empresas non agrarias do rural galego terán máis axudas para compra de maquinaria e obra civil

A Xunta destina 5,5 millons de euros a estas achegas, incrementando o seu orzamento nun 60% respecto da anterior convocatoria

A primeira orde reguladora destas subvencións sairá en breve no DOG, segundo avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural na visita a unha empresa beneficiaria, situada no polígono industrial de Melide

Esta liña de axudas tramitadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) forma parte do Plan de fixación da poboación no agro que impulsa o Goberno galego

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2017
Compartir
  • whatsapp

As pequenas empresas non agrarias do medio rural galego recibirán máis axudas para compra de maquinaria e para obra civil coa que mellorar, ampliar ou modernizar as súas instalacións. Será a través de dúas novas convocatorias, unha para equipamentos e outra para obras. A primeira delas sairá en breve no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O orzamento total para esta finalidade ascende a 5,5 millóns de euros, case un 60% máis que o destinado na anterior convocatoria (3,5 millóns). A novidade este ano consiste en dividir en dúas liñas as achegas, para facilitar a súa tramitación. Por unha banda, haberá subvencións enfocadas á compra de maquinaria e bens de equipo (dotadas con 2 millóns de euros) e, por outra parte, apoiarase a creación de empresas non agrarias, incluíndo obra civil para mellora, ampliación ou modernización das xa existentes (cun orzamento de 3,5 millóns).

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe a próxima publicación da primeira destas convocatorias no DOG. Fíxoo durante a súa visita á empresa Suministros Industriales Cire, S.L., situada en Melide e que recibiu o pasado ano unha axuda de 120.762,99 euros para o seu proxecto de construción dunha nave para o desenvolvemento da actividade empresarial, con espazo para almacén, especialmente destinado á maquinaria pesada, cun investimento total de case 270.000 euros.

Creación de riqueza e emprego

Neste acto a conselleira destacou a importancia deste tipo de achegas para dinamizar o rural galego e fomentar a creación de riqueza e emprego. Neste sentido, lembrou que que na pasada convocatoria o investimento realizado no agro galego propiciou a creación dun total de 117 empregos e o mantemento doutros 372. Os beneficiarios destas axudas son pequenas empresas, persoas físicas que residen nunha zona rural e familias titulares dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas.

Estas liñas de subvencións tramitadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) forman parte do Plan de fixación da poboación no agro que impulsa o Goberno galego. Esta iniciativa contempla ata 23 medidas diferentes a desenvolver en catro anos coas que se pretenden alcanzar preto de 3.000 novos postos de traballo no rural no horizonte de 2020, cun orzamento total de 230 millóns de euros.