A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou os campamentos xuvenís de As Sinas e Pontemaril
Os participantes, con idades comprendidas entre os 9 e 17 anos, están a realizar actividades como vela, piragua, sendeirismo e mesmo obradoiros de informática ou reciclaxe, entre outros
Cecilia Vázquez aproveitou o seu paso por As Sinas para saudar aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que toman parte no campo de traballo 'Natureza a Patrimonio xunto ao mar'
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe os campamentos xuvenís de As Sinas, emprazado na localidade de Vilanova de Arousa, e Pontemaril, situado no concello de Forcarei, ambos na provincia de Pontevedra. Dúas actividades enmarcadas na campaña O teu verán colle nunha mochila, que a Consellería de Política Social pon á disposición da xuventude galega para o período estival.
O campamento de A Sinas, que se desenvolve no albergue do mesmo nome baixo o título “Actividades no mar”, ofrece aos seus participantes a posibilidade de practicar diferentes deportes náuticos como vela, táboa, piragua, kaiak polo, snorkel ou skim board. Actividades que combinan con obradoiros de stop motion e flashmob, informática, tiro con arco ou sendeirismo, entre outros. Cecilia Vázquez tivo a oportunidade de despedir aos 120 nenos e nenas de entre 13 e 15 anos que forman parte desta primeira quenda do campamento que rematará o vindeiro mércores.
A directora xeral de Xuventude aproveitou o seu paso por As Sinas para saudar tamén aos mozos e mozas que estes días e ate o vindeiro xoves toman parte no campo de traballo “Natureza a Patrimonio xunto ao Mar”. Rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos que están a participar na recuperación do patrimonio natural e da arquitectura mariñeira da zona.
Xa pola tarde, Cecilia Vázquez trasladouse ao campamento xuvenil Pontemaril, no concello pontevedrés de Forcarei, onde está a ter lugar a actividade “Aventura na natureza”, na que participan 140 rapaces e rapazas de entre 10 e 12 anos. Alí teñen a oportunidade de realizar diversas actividades ao aire libre como piragüismo, rocódromo, tirolina, piscina, xogos de orientación, tiro con arco, sendeirismo, kimball así como obradoiros de conservación e reciclaxe, fotografía, stop motion e flasmob , entre outros.
Durante ambas visitas, Cecilia Vázquez destacou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, medran persoalmente e coñecen a mozos e mozas de toda a comunidade autónoma. Así mesmo, lembrou que no que respecta ao total provincial, Pontevedra oferta este ano 1800 prazas: 1640 nos campamentos de verán para rapaces e rapazas con idades de 10 a 17 anos, e 160 prazas nos campos de traballo.
O teu verán colle nunha mochila
En total, en toda a Campaña de verán poderán tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.