A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 horas de hoxe

A superficie afectada no lume de Verín-Vilamaior é, segundo as últimas estimacións, de 1.360 hectáreas

Hai activos dous incendios de arredor de 20 hectáreas cada un en Pantón (Lugo) e Xinzo de Limia (Ourense)

Quedou estabilizado o lume de Lobios cunha afección dunhas 35 hectáreas

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2017
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 horas de hoxe.

Verín-Vilamaior


Continúa desactivada a Situación 2 no lume do concello ourensán de Verín, parroquia de Vilamaior, ao non haber perigo para os núcleos de poboación da zona afectada. Este incendio comezaba ás 16,30 horas de onte e segue evolucionando favorablemente. No seu control levan traballado cinco técnicos, 41 axentes, 79 brigadas, 51 motobombas, seis pas, 18 helicópteros e nove avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Laza e bombeiros comarcais da zona. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 1.360 hectáreas.

Pantón-Toldaos


No concello lugués de Pantón, parroquia de Toldaos, rexistrouse ás 15,20 horas un lume que segundo as primeiras estimacións supera as 20 hectáreas. Segue activo e na súa extinción traballan tres axentes, 10 brigadas, oito motobombas, unha pá, dous helicópteros e dous avións.

Xinzo de Limia-Damil


Activo un incendio forestal no concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Damil, que comezou ás 16,50 horas e segundo as primeiras estimacións afecta unhas 20 hectáreas. No seu control traballan dous axentes, nove brigadas, catro motobombas, catro helicópteros e catro avións.

Lobios-Araúxo


Quedou estabilizado ás 17,50 horas o lume que comezaba ás 14,04 horas no concello ourensán de Lobios, parroquia de Araúxo, e que segundo as últimas estimacións afecta unhas 35 hectáreas. No operativo traballan un axente, 14 brigadas, cinco motobombas, unha pa, nove helicópteros e seis avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural