Balseiro subliña que a Xunta destinou no último ano 2 millóns de euros a impulsar a economía e mellorar as dotacións no municipio de Trabada

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou obras en camiños realizadas ao abeiro do Plan Marco, que suma nas últimas convocatorias un investimento de 96.000 euros

Trabada (Lugo), 4 de agosto de 2017
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, afirmou que a Xunta de Galicia destinou dende o pasado ano 2 millóns de euros a impulsar a economía e mellorar as dotacións no municipio de Trabada, tanto mediante servizos de xestión propia como a través de subvencións ao concello ou axudas a particulares, como é o caso dos titulares de explotacións agrarias.

Balseiro realizou esta afirmación durante a visita ás obras realizadas en varios camiños de titularidade municipal ao abeiro do Plan Marco. Trabada acometeu no 2016 melloras nos camiños de acceso a Louro, Pacios, Rego de Galo e Vilarfernando, e igualmente no enlace entre a LU-P-6161 e a N-640, que suman en total 4,2 quilómetros.

A Consellería do Medio Rural xa ten en marcha un novo programa do Plan Marco que permitirá ao concello continuar con estas actuacións, sumando un investimento de máis de 96.000 euros nestas dúas últimas convocatorias.

O delegado afirmou que “a Xunta é a administración que máis inviste en Trabada”, e lembrou “os máis de 1,2 millóns de euros de axudas da PAC pagados o pasado ano ou os case 200.000 euros do programa de incorporación de mozos á actividade agraria, que contribúen ao desenvolvemento económico e a fixar poboación no municipio”.

No eido da política social, destacou os máis de 84.000 euros destinados no 2016 ao servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia. A Xunta tamén propiciou contratación de persoal para servizos municipais por preto de 59.000 euros, entre eles 5 persoas desempregadas a través do Aprol Rural, e catro socorristas nas dúas últimas campañas, que comparte con Lourenzá.

Tamén con Lourenzá e Barreiros comparte os obradoiros de emprego, correspondéndolle a Trabada 153.000 euros nos dous aprobados dende o pasado ano.

Balseiro subliñou tamén os investimentos realizados pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: 74.290 euros no 2016 para melloras na casa do concello, nas pistas de Lanvadeira, casanova e Rabexa de Abaixo e noutras infraestruturas rurais. Este ano o concello realizou unha nova solicitude ao abeiro do programa de infraestruturas de uso público, de concorrencia competitiva, pero non acadou a puntuación mínima necesaria.

Si lle corresponderon, sen embargo, 15.800 euros para o proxecto de mellora de eficiencia enerxética do pavillón Celso Currás e 74.000 euros dunha subvención compartida con Lourenzá para o servizo de mantemento de espazos naturais, iniciativas financiadas por Presidencia mediante o Fondo de Compensación Ambiental.

O delegado referiuse tamén a outras actuacións financiadas, como as melloras na Casa da Cultura, ou ás liñas de axudas dirixidas a particulares “coas que a Xunta pretende mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas de Trabada, co obxectivo de consolidar a actividade económica favorecendo así o establecemento da mocidade no municipio”.