Belén do Campo enxalza os produtos galegos da horta na feira da cebola chata de Miño

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias foi a encargada de inaugurar a XVI edición desta festa

Destacou o traballo dos produtores e animou aos consumidores a comprar produtos locais

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2017
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, foi a encargada de inaugurar hoxe a XVI feira da cebola chata de Miño, onde enxalzou os produtos da horta galegos pola súa calidade.

Belén do Campo sinalou que a nosa comunidade é coñecida dentro e fóra de España pola súa gastronomía e entende que isto é así porque “en Galicia temos a sorte de contar con infinidade de produtos de calidade”. Neste sentido, a directora xeral destacou a importancia de dalos a coñecer para “facelos visibles” no panorama nacional e internacional e con ese obxectivo traballa a Xunta. “Porque a difusión e a potenciación dos nosos alimentos favorece a supervivencia das zonas rurais, das explotacións agrarias e do tecido económico en xeral”, sinalou Do Campo.

Neste sentido, a responsable de Medio Rural felicitou a organización por poñer en valor un produto local como a cebola chata que pola súa precocidade e boa conservación chega ao mercado cando noutras zonas aínda non hai produto. Mencionou tamén ás ceboleiras que chegaron de todas as partes do municipio para expor e vender os seus produtos. “Cando as merquedes, pensade no traballo que hai detrás, no seu cultivo e no seu enrrestado”, sinalou Belén do Campo dirixíndose tamén aos consumidores e agradecendo o seu compromiso por apoiar aos produtores locais.