A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 horas de hoxe

A superficie afectada no lume de Verín-Vilamaior mantense, segundo as últimas estimacións, de 1.360 hectáreas

Quedou estabilizado o incendio forestal de Pantón, parroquia de Toldaos, que afecta unhas 200 hectáreas

Quedou extinguido o lume de Xinzo de Limia, parroquia de Damil, con 30,01 hectáreas afectadas
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2017
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

Verín-Vilamaior

Estabilizado o lume do concello ourensán de Verín, parroquia de Vilamaior. Este incendio comezaba ás 16,30 h. do xoves e segue evolucionando favorablemente. No seu control levan traballado 5 técnicos, 55 axentes, 97 brigadas, 63 motobombas, 6 pas, 18 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Laza e bombeiros comarcais da zona. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 1.360 hectáreas.

Pantón-Toldaos

Quedou estabilizado ás 04,32 h. o lume rexistrado no concello lugués de Pantón, parroquia de Toldaos. Comezaba onte ás 15,20 h. e, segundo as últimas estimacións, afecta 200 hectáreas. Na súa extinción traballan 10 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 1 pá, 11 helicópteros e 2 avións.

Xinzo de Limia-Damil

Quedou extinguido ás 13,30 h. o incendio forestal do concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Damil, que comezou ás 16,50 h. de onte. Segundo as últimas estimacións afectou 36 hectáreas, 34,5 de monte raso e 1,5 de monte arborado. No operativo traballando 4 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento: C. do Medio Rural