A Xunta autoriza a posta en marcha da repotenciación do parque eólico Malpica que producirá o dobre de enerxía reducindo os aeroxeradores de 69 a 7

O parque, promovido por Pemalsa nos concellos coruñeses de Malpica e Ponteceso, mantén a potencia de 16,45MW, ao tempo que diminúe o impacto paisaxístico e ambiental e rebaixa en máis dunha hectárea a superficie ocupada da Rede Natura

A modernización desta instalación, posta en funcionamento hai 20 anos, permite pasar dunha produción anual de enerxía de 30.000 MWh a 64.700 MWh

É a segunda repotenciación que se activa en Galicia tras a renovación da infraestrutura de Cabo Vilano
 

Santiago de Compostela, 25 setembro de 2017
Compartir
  • whatsapp

A Xunta autoriza a explotación da repotenciación do parque eólico Malpica, situado neste concello coruñés e no municipio de Ponteceso. A actuación permitiu modernizar as instalacións e diminuír o seu impacto paisaxístico e ambiental ao reducir o número de aeroxeradores de 69 a 7, ademais de rebaixar a superficie ocupada da Rede Natura en 1,3 hectáreas, pasando de 3,2 a 1,9.

O parque eólico Malpica, promovido por Pemalsa e que se puxo en marcha hai 20 anos, conta agora con 7 máquinas que suman unha potencia máxima instalada de 16,45 MW, similar á que xa tiña, e diminúe en 62 o número de aeroxeradores, un 90% menos. Grazas á instalación de máquinas máis eficientes, o parque producirá anualmente máis do dobre, pasando de 30.000 MWh ao ano a 64.700 MWh, o equivalente ao consumo eléctrico de 18.500 fogares.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria segue así a apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica orientado á mellora da eficiencia e recuperación do liderado do sector. Neste contexto, xa se puxo en marcha o ano pasado, tamén na provincia da Coruña, a repotenciación do parque eólico Cabo Vilano, da empresa Gas Natural Fenosa Renovables, no cal se substituíron 22 antigos aeroxeradores por 2 novos que alcanzan unha potencia de 5,46 MW.

A repotenciación impulsada en Malpica súmase tamén ao concurso eólico, no marco do cal se autorizaron 27 novos parques, cunha potencia total de 650 MW e un investimento de preto de 825 millóns de euros. Ademais, os plans industriais asociados ao concurso eólico galego están a xerar xa máis de 1.000 millóns de investimento na Comunidade e permitiron crear máis de 2.000 empregos directos.