Trátase de 1,8 millóns de euros correspondentes ao custo de eliminación dos residuos procedentes do petroleiro que aínda se atopan almacenados nas plantas de Sogarisa
Cabe lembrar que os servizos xurídicos da Xunta recorreron ao Tribunal Supremo a sentenza en relación á absolución do capitán do buque sinistrado, Apostolos Mangouras
O recurso presentado pola Xunta establecía que debían ser declarados responsables civís dos danos producidos, tanto ao capitán do Prestige, coma a compañía aseguradora do barco
A Xunta de Galicia amosa a súa satisfacción por que a Xustiza recoñeza integramente a indemnización que reclamaba polos danos derivados do accidente do Prestige.
Nun auto notificado hoxe da Audiencia Provincial da Coruña establécese a obriga de indemnizar ao Goberno galego con 1,8 millóns de euros que corresponden ao custe de eliminación dos residuos procedentes do petroleiro que aínda se atopan almacenados nas plantas de Sogarisa, tal e como se reclamaba no recurso interposto pola Xunta. Ademais, no mesmo auto establécese que deben indemnizarse tamén ao Estado español, ao Estado francés, a diversos particulares, concellos tanto galegos como franceses e a empresas relacionadas co sector marítimo.
No mesmo auto, solicítase que se indemniza ao Estado por gastos patrimoniais, compensacións ao sector pesqueiro polo paro temporal, ademais por danos ambientais e polos danos morais, dos cales 145 millóns xa foron aboados polo Estado á Xunta de Galicia como gastos realizados polo Goberno galego como consecuencia do sinistro.
Cabe lembrar que os servizos xurídicos da Xunta recorreron ao alto Tribunal a sentenza emitida no ano 2014, en relación á absolución do capitán do buque sinistrado, Apostolos Mangouras, por considerar que o responsable do barco no momento do seu afundimento incorreu en delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, delito por danos por imprudencia grave, ademais dun grave delito de desobediencia á Autoridade marítima española.
O recurso presentado pola Xunta mantén que deben ser declarados responsables civís dos danos producidos, tanto ao capitán do Prestige, coma a compañía aseguradora do barco, “The London Steampship Owners Mutual Insurance Associatión LTD” (The London P&I), e á naviera armadora do buque “Universe Maritime, LTD.”, coma responsable civil subsidiaria. Solicitando a declaración de responsabilidade civil directa e solidaria para a compañía aseguradora hasta o limite cuberto pola póliza, 1.000 millóns de dólares.
A Xunta de Galicia reclamaba o custo estimado correspondente ao reciclado e eliminación de 10.000 toneladas de residuos de fuel mesturado con area, auga, plásticos e outros elementos. Así mesmo, considera que procede que o Tribunal Supremo recoñeza unha indemnización polos danos medioambientais a medio prazo producidos como consecuencia do accidente.