Portos de Galicia participará no xurado que outorga os distintivos de calidade Bandeira Azul

As quince entidades náuticas galegas que dispoñen actualmente do galardón que outorga ADEAC optan á súa renovación

Trátase dos portos deportivos de Ribadeo, Viveiro, Sada, Ares, Camariñas, Muxía, Portosín, Cabo de Cruz, San Vicente do Mar, Portonovo, Juan Carlos I (Sanxenxo), Cangas, Moaña, Baiona e Monte Real Club de Iates
 

Santiago, 4 de febreiro de 2018
Compartir
  • whatsapp

Portos de Galicia formará parte, a través dun representante oficial, do xurado que outorga os distintivos de calidade Bandeira Azul e que se reunirá en Madrid a vindeira semana. Nesta edición, un total de 15 entidades e clubs náuticos galegos optan ao galardón que outorga a Asociación de Educación Ambiental e Consumidores (ADEAC).

En concreto veñen de presentar a súa candidatura á Bandeira Azul sete instalacións náuticas de Pontevedra, outras seis da Coruña e dúas de Lugo. Trátase dos portos deportivos de Ribadeo, Viveiro, Sada, Ares, Camariñas, Muxía, Portosín, Cabo de Cruz, San Vicente do Mar, Portonovo, Juan Carlos I (Sanxenxo), Cangas, Moaña, Baiona e Monte Real Club de Iates de Baiona.

O prazo para a presentación das candidaturas rematou o pasado mes de decembro e ata ese momento, Portos de Galicia mantivo contacto directo cos clubs náuticos interesados en presentar candidaturas poñendo á súa disposición asesoramento e orientación técnica en relación aos requisitos que deben cumprir as instalacións para acadar o galardón. Dende Portos de Galicia, ratifícase así a vontade de que a totalidade dos clubs que poden optar a este recoñecemento conten con el e o manteñan no tempo, de modo que Galicia consolide o seu posicionamento internacional na primeira liña da calidade de servizos.

A colaboración de Portos de Galicia abarca aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para o ente público.

O impulso á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios marcados polo Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está a desenvolver. Esta folla de ruta para os peiraos deportivos de titularidade autonómica establece a xestión sostible do litoral portuario como unha das liñas vertebradoras da acción do ente público, xunto ao deseño de infraestruturas eficientes e a ampliación da responsabilidade social corporativa, entre outras.