A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa a iniciativa

A Xunta impulsa o programa ‘Emprural’ para acompañar á mocidade na procura de oportunidades de emprendemento no rural

Está aberto a 60 participantes de entre 16 e 30 anos, e inclúe a exploración dos recursos, estadías en empresas e formación e seguimento personalizado

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 12 de marzo
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, presentou hoxe a iniciativa Emprural, mozos e mozas con proxecto, un programa que acompañará de xeito personalizado a 60 persoas na procura de oportunidade de emprendemento e de autoemprego nas zonas rurais. A titular do departamento autonómico destacou que desde a Xunta de Galicia “buscamos que a xuventude sexa o maior activo do desenvolvemento local e promover a súa autonomía, por iso apostamos por aproveitar as vantaxes dos recursos diferenciados das áreas rurais, que se deben explotar para xerar novas oportunidades de emprego e de negocio”.

O proxecto, destinado a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar, desenvolverase nas comarcas de Bergantiños, Soneira, Xallas-Barcala, Ordes, Terra de Melide e Arzúa desde o mes de abril a outubro. Cecilia Vázquez valorou o programa “como un reto para que a xuventude poña en valor o rural e descubra as vantaxes que este lles ofrece no eido profesional e social, pero tamén como un desafío para asentar poboación nas comarcas rurais”.

Os equipos da dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado traballarán cos participantes no deseño das rutas para explorar recursos e descubrir as necesidades e oportunidades que presenta o territorio coa fin de captar ideas e proxectos, pero tamén na súa formación personalizada e na súa aprendizaxe a través de estadías en empresas. O labor inclúe a titorización e seguimento individualizado dos itinerarios de inserción laboral e social.

Emprural comezará coa actividade Safari de emprego nos territorios na que se explorarán os nichos de emprego e que se desenvolverá de abril a xuño. Incluirá sesións teóricas de traballo nos Espazo Xove de Curtis e Carballo, con prácticas grupais e individuais e con saídas ao territorio e visitas a iniciativas empresariais locais de referencia. De maio a xuño centrarase na formación tanto comercial e empresarial como en ensino máis específico, á demanda dos participantes (loxística, comunicación, busca activa de emprego), que dará paso as estadías en empresas de interese, de maio a setembro. Ao mesmo tempo, traballarase cos mozos e mozas con titorías personalizadas e manteranse reunións individualizadas para o seguimento de cada itinerario de inserción e para a articulación de medidas adaptadas a cada caso.

A captura de proxectos será a actividade final, cunha duración dun mes (outubro), onde se analizarán os resultados das fases anteriores así como os contratos laborais asinados ou as iniciativas profesionais lanzadas xa que tamén se prestará apoio e seguimento individualizado e/ou grupal aos proxectos de emprego/empresa ou de carácter social xerados, garantindo a súa consolidación no territorio.

A apertura do prazo de inscrición, que se deberá facer a través da páxina web da Dirección Xeral, ábrese hoxe e finalizará o 12 de marzo. A admisión dos participantes será por rigorosa orde de inscrición.

Imaxes relacionadas