Xunta de Galicia

A Xunta apoia aos axentes sociais, asociacións empresariais e autónomos na formación e impulso da prevención de riscos laborais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou en 2017 cun investimento de 1,5 millóns de euros a unha trintena de agrupacións no desenvolvemento deste tipo de actuacións

Con estas axudas, os beneficiarios desenvolven cursos, xornadas e seminarios dirixidos a persoas traballadores activas ou en situación de desemprego e delegados de prevención

A Administración autonómica tamén apoia con esta iniciativa a realización de estudos e traballos relacionados coa seguridade e saúde laboral para a mellora das condicións de traballo en Galicia
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou en 2017 con 1,5 millóns de euros a unha trintena de asociacións empresariais, agrupacións profesionais de autónomos e axentes sociais na realización de actuacións dirixidas á formación e impulso no eido da prevención de riscos laborais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución destas axudas que inclúen dous programas.

A primeira liña de financiamento estivo dirixida a iniciativas de formación intersectorial que levaron a cabo asociacións empresariais e organizacións sindicais de carácter intersectorial, cun importe de preto de 500.000 euros; e a segunda, para programas formativos e outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, cun orzamento de 1.000.000 euros. Desta última, beneficiáronse fundacións sectoriais, organizacións sindicais e asociacións empresariais tanto de carácter sectorial como intersectorial e asociacións profesionais de autónomos.

Con estas axudas, os beneficiarios desenvolven cursos, xornadas e seminarios formativos dirixidos, entre outros, a persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego e delegados de prevención. A Xunta ademais apoia con esta iniciativa estudos e traballos relacionados coa seguridade e a saúde laboral de investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica; de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias; gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica; accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais; e a realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións nesta materia.
 

  • whatsapp