Xunta de Galicia

O acceso ao castelo de Monterrei compatibilizarase coa conservación do pavimento orixinal

O conselleiro de Cultura e Educación explicou hoxe no Parlamento que a decisión é froito do estudo e a unidade de acción cos axentes implicados

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a decisión tomada respecto do acceso ao Castelo de Monterrei é a de compatibilizar o tráfico rodado e peonil coa conservación do pavimento orixinal, achado no marco dunhas obras de reurbanización e tendido de instalacións urbanas no ano 2016.

Román Rodríguez explicou que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural asumiu a escavación arqueolóxica e os traballos de recuperación, conservación e posta en valor deste pavimento orixinal.

O conselleiro explicou que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural permaneceu en contacto constante con representantes do Concello e cos responsables do Parador Nacional de Turismo instalado no Castelo. De feito, lembrou que as obras comezaron a executarse durante o peche programado da infraestrutura hoteleira, peche que xa estaba previsto, e que non tivo como causa en ningún caso os traballos arqueolóxicos.

Froito desta unidade de acción cos axentes implicados, adoptouse a decisión de compatibilizar o tráfico e a conservación da calzada histórica. Para iso, rematarase a obra en execución tapando de forma provisional con terra compactada os tramos de pavimento de pedra da calzada orixinal, que polo seu estado non permiten a circulación de tráfico rodado. Este paso será previo á redacción un proxecto de reparación, conservación e rehabilitación do pavimento orixinal da rúa co obxectivo de acondicionala para o tráfico peonil e rodado, garantindo a conservación dos seus valores culturais, unha obra que suporía un investimento duns 350.000 euros e que podería estar lista nun prazo aproximado de 12 meses.

De forma paralela e para garantir o acceso rodado ao Castelo mentres non se executen as devanditas obras de rehabilitación, mellorarase a vía alternativa do tramo sur da rúa principal. Estes traballos, que terán unha duración aproximada de dous meses, consistirán na mellora das rasantes, peraltes e capas de rodadura, na construción de valos e varandas de protección sobre desniveis, na ampliación dos radios de curvatura e na instalación de alumeado de balizamento e de elementos de regulación do tráfico.

Segundo explicou o conselleiro, estas solucións combinadas permitirán que, en aproximadamente 12 meses, o Castelo conte con dúas vías de acceso habilitadas, ao tempo que se protexe o patrimonio cultural.

 

  • whatsapp